CCOO tacha de ofensiva a oferta de suba salarial do Goberno para as empregadas e empregados públicos

Para o sindicato, a proposta do Executivo debe ser máis ambiciosa ou a folga xeral en decembro será unha realidade.

A proposta de suba salarial que presentou o Goberno na reunión que tivo lugar este mércores, 19 de novembro, no Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, é dun 10 % para o período 2025-2028. Este incremento é de todo inaceptable e supón un insulto ás empregadas e empregados públicos para a área Pública de CCOO.

Durante a reunión a Administración viuse forzada a retirar a súa proposta ante as esixencias de CCOO e emprazounos a un novo encontro para mañá xoves, ás 12:00 horas.

O Goberno presume de liderar o crecemento económico da Unión Europea, modificou á alza a súa previsión dun 2,7 % a un 2,9 % para este ano, mentres propón continuar coa política de contención salarial para o persoal das Administracións Públicas, cun repunte preocupante da inflación, á vez que esquece que os e as empregadas públicas deste país continúan por baixo da media da Unión Europea.

CCOO non pode aceptar unha proposta salarial que non siga a senda dos acordos anteriores (2018/2020) e do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2022-2024), que recupere poder adquisitivo e que se axuste aos repuntes inflacionarios da economía.

Un país socialmente xusto non pode permitirse que as súas traballadoras e traballadores non cheguen a fin de mes. Polo tanto, a proposta do Goberno é do todo insuficiente para CCOO e así llo trasladamos.

Se non hai unha proposta económica xusta e o cumprimento íntegro do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, retomarase a folga xeral nas Administracións Públicas no mes de decembro.

Para CCOO, é imprescindible pechar a parte non cumprida do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, como a xubilación parcial do persoal funcionario e estatuario (ademais de recuperala para o persoal laboral), a clasificación profesional de Técnicos Superiores e Medios, as 35 horas, a carreira profesional ou o teletraballo na Administración Xeral do Estado.

Nesta primeira reunión, e ante a nosa contundente oposición á oferta presentada, o Executivo comprometeuse a traer unha nova proposta económica, polo que desde a área Pública de CCOO estaremos expectantes.

Para manter uns servizos públicos de calidade que demanda a cidadanía, hai que investir nos cadros de persoal e as condicións de traballo e salariais do persoal público, garantindo carreira e promoción profesional, así como un acceso á función pública áxil.