Hoxe é o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Unha boa oportunidade para lembralos. Estas son as dez dificultades máis relevantes que enfrontan:
- Dereito á vida plena. Sen violencia nin ameaza.
- Dereito á saúde. A pesar da contaminación, o cambio climático e os problemas medioambientais.
- Dereito á protección. Cun sistema xudicial adaptado á infancia, guiado polo interese superior da persoa menor, e un modelo de atención integral ás vítimas de violencia.
- Dereito á educación. Nun sistema educativo inclusivo que compense desigualdades e procure o desenvolvemento integral de todas as persoas.
- Dereito á identidade. Para medrar en liberdade, buscar a súa vocación e elixir cadaquén quen quere ser.
- Dereito á información de calidade. Tamén no ámbito dixital.
- Dereito ao xogo. Con actividades de ocio e cultura de calidade, adaptadas ao seu desenvolvemento.
- Dereito a expresar a súa opinión e a que sexa escoitada. Especialmente, nos temas que lles concirnen directamente.
- Dereito á intimidade. Protexendo a súa imaxe e os seus datos, incluso dos seus propios pais e nais.
- Dereito a asociarse. Fomentar o seu activismo para sentírense cidadáns e cidadás libres e comprometidas.
Ao recordar os dereitos da infancia, cobran máis relevancia os problemas que a ameazan.
A pobreza infantil, sen dúbida, é un dos máis importantes pola súa prevalencia, porque incide en gran parte da poboación e porque impide que se respecten todos os dereitos dos e das menores. Segundo Save the Children (informe «Pobreza infantil: el coste que Europa no puede permitirse»), España é un dos países da Unión Europea con maior risco de pobreza ou exclusión social para a infancia. Ademais, estamos atascados nisto. Non atopamos a forma de solucionalo. A taxa de pobreza e risco de exclusión infantil apenas baixou: do 34,4 % en 2015 ao 34,1 % en 2025.
Un de cada tres nenos, nenas e adolescentes vive nun ambiente de pobreza, e desta maneira resulta realmente difícil que se preserven os dereitos da infancia. Necesítase un estado social fortemente armado, con todas as administracións e institucións coordinadas, traballando para protexer a estas persoas en situación de vulnerabilidade. O Estado debe investir moito esforzo, con vontade política e orzamentaria para poñer en marcha medidas específicas destinadas a promover a igualdade de oportunidades. Sen dúbida, deben funcionar ben servizos clave como a educación e a sanidade. En concreto, en educación deben aumentar os recursos humanos destinados a atender de forma específica a poboación escolar en situación de vulnerabilidade. Profesionais de todos os perfís educativos que sacan adiante un sistema inclusivo, con calidade e equidade para todo o alumnado.
Tamén se require investimento público para preservar os servizos socioeducativos con calidade e accesibilidade a todas as persoas que os precisen. E un sistema de intervención social eficaz que actúe con dilixencia e sexa un axente realmente protector das nenas, os nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade. Pero, ademais de erradicar a pobreza, cómpre que nenas, nenos e adolescentes medren en ámbitos seguros; isto é, que respecten os dereitos da infancia e promovan un ambiente protector físico, psicolóxico e social para as persoas menores de idade.
Implica unha concienciación social de tolerancia cero coa violencia e en defensa do bo trato e o respecto. Os centros educativos e todos os espazos públicos, privados e familiares en que conviven os e as menores deben ter condicións saudables e estar adaptados ao cambio climático e as frecuentes vagas de calor. Recordemos que as nenas e nenos son o grupo poboacional máis vulnerable aos danos medioambientais e deben estar en contacto coa natureza, convivindo con espazos verdes no día a día.
Os ámbitos seguros tamén inclúen os medios dixitais. A tecnoloxía non pode ser nin unha fenda social máis, nin unha ameaza á seguridade e a saúde mental e física das e dos menores. A finalidade da tecnoloxía é reducir as desigualdades, mellorar a aprendizaxe e proporcionar información fiable. Debe ser unha oportunidade de desenvolvemento e crecemento persoal. Cómpre contar cunha lexislación que protexa os nenos, nenas e adolescentes da violencia no espazo dixital. A lexislación non pode ir por detrás dos avances tecnolóxicos, incluídos os avances en intelixencia artificial.
Por último, hai que recordar que a participación infantil é un dos catro piares da Convención dos Dereitos do Neno. Nunha democracia plena, a poboación infantil e adolescente debe contar con canles de participación de seu. A escola democrática é un espazo para esa participación, aínda que non debe ser o único. As Administracións públicas deben esforzarse en xerar espazos de participación para os e as menores de idade, de forma que se promova activamente a participación infantil na elaboración das políticas. Os e as menores son axentes sociais con liberdade de expresión e de asociación. Deben ter acceso á información e apoderarse para exerceren os seus dereitos. Este é un día en que os centros educativos que traballan os dereitos da infancia de forma transversal culminan os seus proxectos con actividades especiais nas que sensibilizan e comparten o traballo feito días atrás. Un día para concienciar as persoas, sinalando os problemas e as solucións. Para chegar á conclusión de que unha sociedade que vela polos dereitos da infancia é máis xusta con todas as persoas, de todas as idades.
Animámosvos a que sigades traballando os dereitos da infancia na escola, para que esta siga sendo o motor de cambio que a sociedade necesita. Grazas por seguilo facendo.

