CCOO ratifica as súas demandas non recollidas na Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores aprobada hoxe no Congreso dos Deputados

Para o sindicato, dita Lei –á espera da súa aprobación definitiva no Senado–, aínda que supón un avance, queda curta.

CCOO volve ratificar as súas demandas respecto da Lei de Ensinanza Artísticas Superiores que, tras ser aprobada no Congreso dos Deputados, continúa o seu trámite parlamentario cara ao Senado. A posición do sindicato explícase porque non se incorporaron asuntos de vital relevancia no documento e que farán que a nova normativa non teña o alcance esperado.

Ademais das incertezas xa sinaladas nunha nota de prensa remitida aos medios en xaneiro, CCOO lamenta que non se recolleron, na versión aprobada no Congreso está mañá, temas tan importantes, presentados previamente aos grupos parlamentarios vía emendas, tales como:

  • A autonomía dos centros de Ensinanzas Artísticas Superiores para asinar convenios do mesmo xeito que as universidades.
  • Os estudos de Doutoramento.
  • O réxime de dedicación do profesorado.
  • Redución estrutural do horario lectivo do profesorado, con incremento dos cadros de persoal, para a actividade investigadora e o exercicio artístico da creación, a interpretación, a execución ou a conservación e a restauración (art. 49).
  • Maior facilidade para a integración nos novos corpos do profesorado actual.
  • A posibilidade de pedir a xornada reducida con carácter voluntario.
  • Que o profesorado emérito, especialista e visitante nunca poderá substituír dotación de persoal docente.
  • A homologación das e dos mestres de taller ao profesorado do corpo de ensinanzas artísticas profesionais, entre outras.

Do mesmo xeito, CCOO cre firmemente que o Goberno debe apostar para que as EE. AA. Superiores sexan públicas, coa gratuidade e a equidade como referentes. E, por suposto, de calidade, algo fundamental para non degradar a formación que se ofrece neste ámbito. Por iso, o sindicato esixe máxima rigorosidade neste punto, para non ir en detrimento do prestixio das nosas institucións, do profesorado e do alumnado.

CCOO seguirá traballando no marco dos correspondentes desenvolvementos lexislativos da Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores, para que estas importantes reivindicacións sexan unha realidade.