Da man da empresa Demométrica, a Federación de Enseñanza de CCOO elaborou un estudo que recolle as opinións de docentes de centros de titularidade pública e privada concertada para coñecer de preto cales son os desafíos máis urxentes na actualidade e para o futuro.
Os factores que principalmente condicionan a insatisfacción do profesorado, tanto do ámbito do ensino público como do privado concertado, son as ratios de estudantes por aula, as carencias de espazos e infraestruturas axeitadas para o desenvolvemento das clases e os salarios, segundo o estudo presentado esta mañá pola Federación de Enseñanza de CCOO (FECCOO) e a empresa Demométrica, e cuxo obxectivo era coñecer o posicionamento e as inquietudes principais do traballo e a profesión docente desde diferentes dimensións de interese como as condicións de traballo, a saúde laboral, a formación do profesorado, a organización e xestión dos centros, a motivación e o recoñecemento profesional, entre outras.
Na presentación estiveron Francisco J. García, secretario xeral de FECCOO; Alonso Gutiérrez Morillo, secretario de Política Educativa, e Miguel de la Fuente, representando a Demométrica, quen abordaron as principais conclusións e desafíos desta enquisa que recolle opinións de docentes de todas as comunidades autónomas, dos niveis educativos de Primaria e Secundaria, e de titularidade pública e privada concertada.
O estudo mostrou que a metade do profesorado cre que “só ás veces” ten tempo suficiente para facer o seu traballo, así como que ao 49,5 % o día a día no centro xéralle un desgaste emocional, que é máis acusado no ensino público (52,3 %). Pero a enquisa vai máis aló ao evidenciar que as causas que xeran maior tensión ao profesorado son as relacións con nais, pais ou titores/as legais, cun 24,5 %, seguido relativamente de preto polas relacións co alumnado, en segunda posición, cun 17,4 %.
Outro dato relevante é que o 76,4 % do persoal docente coincide en que as universidades deberían axustar a formación inicial do profesorado (especialmente de Secundaria) ás necesidades posteriores o seu posto de traballo, co conseguinte cambio do plan de estudos.
En canto ao proceso de concurso de traslados e a baremación, o profesorado de titularidade pública considera que a formación e o perfeccionamento debería ser o factor máis relevante, situando en segundo lugar a valoración do traballo e o desenvolvemento profesional, seguido dos méritos académicos. No outro extremo, as persoas participantes da enquisa consideran que a antigüidade no corpo ou o mero feito de ser catedrático/a debería ter menor importancia.
Notable resulta tamén o apoio maioritario do profesorado de ambas titularidades á xornada continua, cun 95,5 % na pública e un 84,3 % na concertada.
Para CCOO, o profesorado é un axente clave nos procesos de construción dunha sociedade máis xusta, libre e democrática. Así, para cumprir esta función social debe estar en condicións de exercer un control sobre o sentido, os obxectivos e os contidos do seu traballo. É dicir que, para alcanzar os fins da súa complexa función, son necesarios un bo deseño e planificación da formación inicial, permanente e do sistema de acceso. E por iso unha das reivindicacións históricas do sindicato é a negociación dun Estatuto Docente que permita mellorar a súa formación e carreira profesional.
Documentación relacionada:

