Comeza o grupo de traballo “Condicións do desempeño docente” co Ministerio de Educación

Os contidos deste grupo inclúen: xornada, ratios, apoios para necesidades específicas, desburocratización, saúde laboral…

Era imprescindible que este grupo de traballo de condicións do profesorado comezase a traballar inmediatamente, para que non nos enreden en cuestións teóricas sen entrar desde xa no concreto.

As cuestións que queremos abordar neste grupo como prioridades son:

  • Unha baixada obrigatoria para todas as CC. AA. do número de períodos lectivos semanais de cada docente, unha redución do horario de permanencia e da sobrecarga de traballo para facer realidade unha xornada máxima de 35 horas reais semanais.
  • Unha baixada das ratios non só xeral, senón asociada ás necesidades educativas grupo a grupo, coa nosa proposta moi concreta e efectiva: que o alumnado con calquera necesidade específica de apoio educativo e o alumnado con necesidades de compensación educativa ou en situación de desvantaxe social conte dobre a efectos de ratio para que esta ademais sexa menor onde máis se necesita.
  • Que o alumnado con calquera dificultade específica de aprendizaxe estea asociado a dotación de recursos de apoios especializados.
  • Medidas estatais para reducir a sobrecarga do traballo e a burocracia do profesorado.
  • Regulación específica da saúde laboral docente, incluíndo as enfermidades profesionais e os riscos psicosociais.
  • Mellora na normativa básica de licenzas e permisos, reducións de xornada e axudas ao profesorado.

Lembrade que o A1 e a subida de nivel de todos os corpos docentes e a xubilación específica docente teñen relación con varios grupos de traballo e son cuestións absolutamente prioritarias para nós no conxunto destas negociacións.

Informarémosvos de calquera novidade ou avance informarémosvos.

Apoia as reivindicacións de CCOO na nosa campaña Estatuto Docente, Estatuto Decente.