As organizacións asinantes do Acordo de medidas de mellora esixen a aplicación inmediata do asinado e agradecen o apoio do PSdeG

As organizacións asinantes do “Acordo de medidas de mellora” mantiveron contactos coas organizacións políticas con representación no Parlamento de Galicia para emendar a aplicación progresiva deste acordo que xa se incorpora no borrador da Lei de Medidas fiscais e administrativas de Galicia, que “acompaña” a tramitación dos orzamentos autonómicos para o ano 2025.

Esta implementación gradual que pretende a Administración non reflicte o compromiso de inmediatez asumido na sinatura do Acordo por parte do Presidente Rueda e publicado no Diario Oficial de Galicia o 17 de xaneiro de 2024.

Agradecemos a disposición do PSdeG a colaborar en todo o necesario para acadar a aplicación inmediata das medidas acordadas.

Pola contra, lamentamos que o BNG non amosara dispoñibilidade para reunirse con nós antes da finalización do prazo de emendas á citada Lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia. Malia as críticas vertidas no momento da sinatura do Acordo, agradecemos que recentemente defenderan a súa aplicación desde o Parlamento de Galicia, polo que non entendemos este desinterese á hora de loitar de forma conxunta polos mesmos obxectivos.

As organizacións asinantes reiteramos a nosa esixencia de que a Xunta de Galicia cumpra cos compromisos adquiridos e aplique de inmediato as melloras contempladas no Acordo, que inclúen a redución de ratios conforme ao recollido no Acordo de agrupamentos asinado no ano 2009 e a mellora das condicións laborais do persoal docente.

Non aceptaremos dilacións que comprometan a calidade do sistema educativo galego.