CCOO, como sindicato feminista, traballa e traballará por erradicar as violencias machistas e a discriminación laboral.
A violencia machista desvela a estrutura profunda dunha sociedade cimentada sobre a discriminación e infravaloración das mulleres. O asasinato é a máxima expresión de violencia contra as mulleres nesta sociedade machista, na que se entende que unhas valemos menos ca outros e na que se disfrazan de “amor” relacións pouco igualitarias.
Por iso, desde CCOO, ademais de demandar os necesarios servizos públicos de atención e reparación ás vítimas, con empregadas e empregados públicos, esiximos seguir traballando na prevención. E esta debe ser transversal, polo que urxe aplicar políticas públicas con perspectiva de xénero en todos os ámbitos: educativo, sanitario, comunicativo, político, económico, cultural, etc.
Este 25-N, as mulleres e homes de CCOO reforzamos o noso compromiso fronte ao machismo e as súas violencias, sumándonos tamén aos actos e manifestacións convocados polos movementos feministas en cada un dos territorios e, ademais, seguiremos implementando acción sindical desde o feminismo nos centros de traballo, porque as violencias machistas son un problema sindical de primeira orde.
CCOO está respondendo á súa tarefa sindical de loita contra algunhas das formas menos visibilizadas da violencia sexual como son o acoso sexual, por razón de sexo e o ciberacoso. Isto conségueo o sindicato mediante a difusión, a formación nos centros de traballo, a negociación de protocolos de prevención e tratamento e mais o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo. Todos estes elementos permiten crear un cordón preventivo de información, acompañamento, orientación e seguimento.
Debemos unirnos todas para acabar coa violencia machista: por ti, por min, por todas as compañeiras. Aínda nos queda camiño que percorrer.
Os centros educativos e socioeducativos son reflexo do que pasa no resto da sociedade. Desde CCOO debemos crear as ferramentas para convertelos en espazos seguros. Para iso cómpre que todos os centros conten cun protocolo de acoso sexual e por razón de sexo, no que participe a representación legal das persoas traballadoras e sexa garante da prevención e protección das posibles vítimas.
Para iso, o sindicato conta cunha ferramenta, o Observatorio de acoso sexual e por razón de sexo, que ofrece orientacións xerais sobre que facer se cres que podes estar sufrindo acoso e unha serie de recursos prácticos de grande utilidade.
Díptico: formas máis habituais de violencia contra as mulleres