Catro anos de inmobilismo e unha prórroga que traizoa o sector

En Galicia eramos plenamente conscientes de que o asinamento do VII Convenio de Ensino Concertado representaría un absoluto estancamento nas melloras para as persoas traballadoras do sector. Así o manifestastes nas asembleas e consultas que realizamos hai catro anos. Non obstante, no ámbito estatal e de forma federativa, acordouse o asinamento coa esperanza de participar de forma activa nas mesas negociadoras previstas durante a vixencia do convenio. Estas mesas, supostamente, debían abordar cuestións clave para CCOO, como a xornada de traballo.

Porén, a realidade foi ben distinta: as mesas resultaron un auténtico despropósito debido á permisividade e inoperancia dos sindicatos maioritarios. Pasaron catro anos de total desidia, nos que non se avanzou nin un ápice en ningún dos puntos que quedaran en suspenso durante a negociación inicial. En Galicia, levamos estes catro anos esperando pacientemente a que rematase a vixencia do convenio para, por fin, retomarmos as reivindicacións con toda a forza que vós, delegados e delegadas, nos dades para loitar polo que consideramos de xustiza.

A maior desvergonza chegou cando, tras esta longa espera, descubrimos que o estancamento se vai prolongar. No nivel estatal, FSIE, USO e UGT, aliadas coas patronais, decidiron prorrogar a situación co asinamento dun acordo o pasado 29 de outubro. Este acordo é, en realidade, unha compilación de promesas baleiras e puntos cheos de fume que todos sabemos que non levarán a nada. A cambio de perpetuar este convenio, as patronais ceden a asinar unhas táboas salariais para 2023, algo que debería ser un mínimo asumido e que, sorprendentemente, intentan vender como un gran logro. O resto do documento está inzado de palabras como «esperar, negociar, reanudar» ou promesas ao aire —como «establecer un calendario de reunións»— que nos deixan nun claro déjà vu, volvendo ao punto de partida de hai catro anos.

Ante esta situación, CCOO decidiu non asinar un acordo que, a todas luces, non é máis que unha prórroga no estancamento do sector. Este feito pon de manifesto a urxente necesidade de diferenciar entre quen realmente loita polos dereitos das persoas traballadoras do ensino concertado e quen, aliándose coas patronais, renuncia a calquera posibilidade de mellora real.

Facemos un chamamento á reflexión: co teu apoio, somos máis fortes.