CCOO, primeira forza do SUG, lémbralles ás universidades que os contratos de PDIL que están realizando, despois da entrada en vigor da LOSU, poderían ser fraudulentos. As universidades están fixando unilateralmente condicións que son de obrigada negociación, como os salarios.
CCOO leva meses solicitando a reunión da paritaria do convenio colectivo de PDIL para negociar a regulación das novas figuras e acabar con esta inseguridade.
Desde CCOO non entendemos que, unha vez reunida a paritaria o día 21 de novembro, e tendo sobre a mesa a proposta das propias universidades, a de CCOO e as doutros dous sindicatos, non se comezase a traballar de inmediato. Pola contra, o presidente da comisión paritaria fixo súa a falta de respecto de quen non realizou proposta ningunha.
Nunha negociación debe, por lei, primar o principio de boa fe ao que CCOO se adhire, pero que vemos brillar pola súa ausencia.
CCOO, ademais, solicitou a negociación do terceiro convenio. Pero aí, tamén, parece que todo son problemas.
E mentres, os contratos do profesorado laboral seguen no aire.
Así, lembrámoslles ás universidades que, cando desde CCOO non nos deixan negociar as melloras das condicións laborais nos ámbitos lexitimamente establecidos, estannos obrigando a exercer os dereitos das persoas traballadoras mediante demandas.
Vostedes dirán onde nos vemos.