Asinado o XVI Convenio de Discapacidade

XVI Convenio Xeral de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade

Esta mañá, CCOO, xunto con UGT e a maioría das organizacións patronais, asinou o novo convenio colectivo na sede do Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA).

Despois de máis de tres anos de negociacións, nas que o sindicato se viu obrigado a recorrer á vía xudicial e a mobilizarse en defensa dos intereses das persoas traballadoras do sector, o acordo foi posible grazas ao bo labor do órgano de mediación, que, a pesar das dificultades xurdidas durante o proceso, non desistiu na busca dun consenso entre as partes.

CCOO é consciente de que o novo convenio colectivo non recolle unha parte importante das reivindicacións e esixencias da nosa afiliación, pero ao mesmo tempo valora positivamente a importancia de acadar un acordo que incorpora melloras retributivas significativas e que garante a estabilidade salarial das persoas traballadoras do sector.

Nun contexto económico marcadamente inflacionista nos tres últimos anos, a sinatura dun incremento retributivo do 10% para 2025 (case o 13,5% para o próximo trienio) nos centros asistenciais e nos centros especiais de emprego representa unha recuperación do poder adquisitivo pouco común en moitos sectores de actividade. Ademais, o feito de que os futuros incrementos se realicen na súa totalidade sobre o salario base repercute directamente nos niveis de desenvolvemento N1 e N2, xa que estes son unha porcentaxe sobre o salario base actualizado. No caso dos centros educativos, a actualización das táboas salariais será anual, a medida que se vaian publicando os módulos de concertos educativos. Neste sentido, queda pendente a revisión retributiva de 2024.

CCOO ponse desde este momento á disposición da súa afiliación, dos seus delegados e delegadas e do conxunto das persoas traballadoras para calquera tipo de aclaración, dúbida, consulta ou suxestión que poida xurdir nas próximas semanas.