O pasado 28 de novembro celebrouse unha reunión na que se aprobou o regulamento da comisión encargada de negociar o Plan de Igualdade no ámbito do ensino. Desde CCOO valoramos positivamente a aprobación, xa que a gran maioría das emendas que presentamos foron incorporadas. Este regulamento permitirá avanzar nun marco de traballo organizado, que prevé reunións periódicas a partir de xaneiro para abordar a elaboración do Plan.
Diagnóstico inicial: unha análise incompleta
Durante a reunión, abordáronse os datos proporcionados para o diagnóstico da situación actual. A pesar de ser maioritariamente cuantitativos, destacamos importantes carencias en aspectos cualitativos. A Administración comprometeuse a remitir, antes do 31 de decembro, datos desagregados por sexo, o que consideramos esencial para un análise rigoroso da situación de partida.
Entre as principais deficiencias nos datos achegados, subliñamos a ausencia de información detallada e indicadores básicos como o índice de concentración, índice de distribución, fenda de xénero ou índice de feminización. Para coñecer con exactitude a situación actual, resulta imprescindible que a diagnose inclúa estes elementos.
Carencias nos datos achegados
Unha vez revisados os datos proporcionados, identificamos importantes lagoas que dificultan unha visión completa e precisa da realidade. En concreto, precisamos:
- Distribución do persoal docente por características clave:
- Sexo, idade, tipo de vínculo (funcionarios/as en prácticas, carreira, etc.).
- Xornada laboral: horarios, reducións, teletraballo, turnicidade, contratos parciais, etc.
- Antigüidade, tipo de centro e distribución territorial.
- Equipos directivos:
- Distribución por sexo segundo o tipo de centro e ensinanzas.
- Rangos de idade:
- Segmentación máis precisa para identificar necesidades específicas por tramos etarios.
- Corpos docentes:
- Datos do corpo 595 (profesores/as de artes plásticas e deseño) e de especialidades.
- Retribucións:
- Non se proporciona ningún dato.
- Permisos e excedencias:
- Información desagregada por sexo, idade, tipo de vínculo e outras variables. Faltan tamén aspectos como lactación, medidas para facilitar a conciliación e uso de espazos específicos nos centros educativos.
- Formación profesional:
- Datos sobre acceso, distribución territorial, tipo de contidos formativos e medidas para facilitar a asistencia a cursos.
- Carreira profesional:
- Información detallada sobre promocións, postos obxecto de mellora e características dos postos promovidos.
- Saúde laboral:
- Ademais de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, é necesario incluír datos sobre incapacidade temporal e prevención de riscos laborais, entre outros.
- Violencia de xénero:
- Datos relativos a denuncias, protocolos de comunicación e medidas adoptadas.
- Acoso:
- Datos relativos a denuncias, medidas cautelares, expedientes, etc.
Próximos pasos
Desde CCOO insistimos na necesidade de completar esta información para elaborar un Plan de Igualdade rigoroso e adaptado ás necesidades do persoal docente. Seguiremos traballando para garantir que o diagnóstico sexa o máis completo e exhaustivo posible, de forma que permita abordar medidas efectivas que promovan unha igualdade real no ámbito educativo.
As próximas reunións, a partir de xaneiro, serán claves para avanzar neste obxectivo. Desde o sindicato, seguiremos defendendo os dereitos das traballadoras do ensino galego, mantendo o compromiso coa igualdade e a xustiza social.