Esiximos unha asistencia sanitaria de calidade para 1,5 millóns de empregadas e empregados públicos

As entidades asinantes piden celeridade ao Goberno para pechar un novo convenio e poñer sobre a mesa un plan de viabilidade para a asistencia sanitaria do funcionariado público.

CCOO, UGT, ANPE, ADIDE, USIE, UFP, SUP, ACAIP e SIAT esiximos que se concrete canto antes un acordo estable, razoable e satisfactorio, que garanta a asistencia e calidade sanitaria das e os empregados públicos, na que os servizos médicos ofertados non se vexan mermados, senón que, pola contra, melloren as súas prestacións. Para iso, utilizaremos as medidas de presión que consideremos oportunas.

O 11 de decembro reclamaremos na rúa, tanto ao Goberno como ás aseguradoras, unha solución que dea tranquilidade e calma para a súa asistencia sanitaria a arredor de 1,5 millóns de persoas. Ademais, esixiremos máis transparencia por parte do Goberno e da propia mutualidade en todo este proceso.

Denunciamos a unhas aseguradoras insaciables que, co argumento de que o modelo MUFACE está “infrafinanciado”, queren aumentar os seus beneficios económicos á conta do Estado e “da selección de riscos”, é dicir, de derivar á sanidade pública os casos máis graves e caros de atender, poñendo en risco a saúde das persoas mutualistas e beneficiarias.

Reclamamos ás aseguradoras a necesidade de alcanzar un acordo, priorizando a debida atención sanitaria das persoas mutualistas. E ao Goberno que poña unha solución clara sobre a mesa que dea certezas e garantías a quen actualmente están na entidade mutualista, ou as medidas que fagan falta para evitar o colapso da sanidade pública.

Convidamos a todas as persoas a participar das mobilizacións convocadas polas organizacións sindicais asinantes o próximo 11 de decembro.