A Consellería corrixe por fin o erro no cálculo de sexenios e titoría do 2025

As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP informamos ao profesorado galego de que a Consellería de Educación regularizou as cantidades pendentes e corrixiu o erro aplicado en 2025 no cálculo dalgúns complementos retributivos vinculados ao Acordo sobre medidas de mellora asinado a finais de 2023.
Coa publicación onte, día 26 de xaneiro, da Orde de confección de nóminas para o ano 2026, tamén damos por bos os cálculos para a aplicación da parte fixa da suba para este exercicio.

Que dicía o Acordo (e que tiña que pasar en 2024 e 2025)

O Acordo recollía con claridade dous tipos de melloras:

  1. Incrementos porcentuais (10% anual, apartados 4.1 e 6 do Acordo)
  • Sexenios (compoñente do complemento específico por formación permanente): 10% en 2024 e 10% en 2025.
  • Titoría e outras funcións docentes (compoñente do complemento específico por función titorial): 10% en 2024 e 10% en 2025.
  1. Incrementos en contía fixa (20 € mensuais por anualidade, puntos 5.1 e 5.2 do Acordo)
  • Para órganos unipersoais de goberno e outros cargos análogos, responsables de centros de menos de 3 unidades en EI e EP e función inspectora, cunha suba de 20 € mensuais en cada un dos exercicios 2024, 2025 e 2026.

Onde estivo o problema en 2025

No exercicio 2025 produciuse un pago indebido en sexenios e titoría: en lugar de aplicar o 10% sobre as contías xa incrementadas de 2024, aplicouse o 10% tomando como referencia as contías de finais de 2023. O impacto individual podía parecer pequeno, pero era e é diñeiro do profesorado e, ademais, consolida unha maior base para subas posteriores.

O traballo sindical rigoroso que fixo posible a corrección

Tras comprobar as nóminas e esgotar a vía administrativa, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP promovemos demanda contencioso-administrativa contra a Consellería o pasado 24 de outubro de 2025 para esixir a corrección das nóminas do profesorado galego.

En paralelo, mantivemos un traballo constante na comisión de seguimento do Acordo, prevista no propio texto, para garantir o seu cumprimento e interpretación.

Froito dese traballo serio e do consenso alcanzado coa Consellería nesta materia, a situación quedou finalmente resolta.

Que se cobrou e que queda confirmado

A mediados deste mes de xaneiro de 2026, o profesorado recibiu:

  • Atrasos correspondentes á suba do 2,5% en 2025 polo novo acordo marco asinado a nivel estatal
  • Regularización correcta do cálculo de sexenios e titoría, conforme ao Acordo.

Ademais, coa publicación no DOG da Orde do 23 de xaneiro de 2026 sobre instrucións de confección de nóminas para 2026, queda recollida expresamente tamén a parte fixa da suba para o 2026, que é dun 1,5% e queda pendente da evolución do IPC para sumar un 0,5% adicional.

Unha cuestión importante: rigor e responsabilidade

Nestes días asistimos a un intento, unha vez máis, de apropiación do traballo realizado por CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP para resolver esta situación. Fíxose mediante un anuncio precipitado por parte dunha organización sindical, mesmo antes de que se publicase a Orde de confección de nóminas para 2026 e, polo tanto, sen base suficiente para confirmar que o asunto quedaba efectivamente corrixido.

O profesorado non merece anuncios interesados, senón información verificada, datos contrastados, cifras comprobadas e un traballo preciso desenvolvido tanto na vía xudicial como nos espazos de negociación e seguimento xa existentes. En particular, na comisión de seguimento do Acordo, á que se incorporou CSIF hai poucas semanas, tal e como pode facer calquera outra organización sindical.

Pola nosa parte, seguiremos traballando polo desenvolvemento continuo do Acordo e polo seu cumprimento. Esperamos poder informar de novidades nas vindeiras semanas.