Toda a información da mesa sectorial do PIALE 2025/26

No día de hoxe, 27 de xaneiro de 2026, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.

Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

Orde do PIALE 2025/26

Debemos iniciar a nosa intervención denunciando que esta convocatoria supón unha nova oportunidade perdida para reverter os recortes que o Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras está sufrindo desde a convocatoria de 2024, tanto no investimento como no número de prazas ofertadas.

Investimento
Aínda que nesta convocatoria se produce un lixeiro incremento do investimento respecto da convocatoria anterior, cifrado en arredor de 38.000 euros, segue existindo unha redución de aproximadamente 130.000 euros respecto da convocatoria de 2023.

Prazas ofertadas
No que atinxe ás prazas, malia que nesta convocatoria se ofertan 8 prazas máis ca no ano pasado, continúa existindo unha perda de máis de 50 prazas respecto de 2023. Ademais, mantense o recorte nas modalidades máis demandadas, nomeadamente as modalidades de integración. Volvemos denunciar, un ano máis, o claro desequilibrio na oferta, con tan só 65 prazas nas modalidades de integración fronte ás 243 prazas ofertadas en cursos de formación. Na convocatoria anterior foron rexeitadas 283 solicitudes nas modalidades de integración, o que supón máis do 83% das solicitudes presentadas para este tipo de modalidade.

En definitiva, rexeitamos os recortes que está sufrindo o programa nas últimas convocatorias e solicitamos un incremento tanto do investimento como do número de prazas, especialmente nas modalidades de integración.

Como único aspecto parcialmente positivo da convocatoria, podemos sinalar o incremento de 8 prazas nas modalidades de integración, incremento que, como diciamos anteriormente, resulta claramente insuficiente á vista da elevada demanda existente. Tamén valoramos de maneira positiva a eliminación da fase de difusión da actividade, en coherencia coa liña de simplificación das cargas burocráticas que se está a traballar no seo da Comisión de Seguimento do Acordo de Medidas de Mellora.

Profesorado destinatario do programa

En relación co profesorado destinatario, reiteramos unha solicitude xa formulada na convocatoria anterior: a recuperación da posibilidade de participar na modalidade de integración —xa permitida na modalidade de curso— para o profesorado que conte coa certificación na lingua correspondente, aínda que no curso actual non estea exercendo como profesorado especialista ou CLIL, sempre que exista un compromiso do centro educativo de promover unha sección bilingüe ou iniciar un proxecto de plurilingüismo no curso seguinte.

A convocatoria está destinada ao profesorado que está a impartir linguas estranxeiras (plurilingüismo ou especialidade propia). AL e PT estanse admitindo.

Queremos denunciar tamén a incoherencia dalgúns aspectos da convocatoria, como o limbo no que quedan as persoas especialistas en inglés do corpo de mestres que actualmente non están destinadas por esa especialidade. Estas persoas non poden acceder á actividade 1 por non estar destinadas nese momento como especialistas, pero tampouco poden acceder á actividade 3, xa que o feito de seren especialistas en inglés as penaliza, dado que o artigo 8.3 establece literalmente como requisito “non ser especialista da lingua obxecto da praza”. Solicitamos, por tanto, que se introduza unha aclaración expresa na convocatoria para evitar que estas persoas queden excluídas de ambas actividades.

Do mesmo xeito, volvemos solicitar que se permita a participación con nivel B1 no caso de quedaren prazas vacantes, como sucede, por exemplo, no idioma alemán, onde hai profesorado con nivel B1 ao que esta modalidade lles axudaría a preparar o B2.

Igualmente, instamos a que se permita a solicitude na modalidade de integración ao profesorado de ensinanzas de réxime especial.

Ten a posibilidade de participar a través de cursos.

Esiximos que se permita a participación do profesorado interino, aínda que se estableza prioridade no acceso ás prazas para o persoal funcionario de carreira e en prácticas.

Solicitamos tamén a extensión da oferta ao idioma italiano, tanto para profesorado de Escolas Oficiais de Idiomas como para profesorado de secundaria, dado que esta lingua se está impartindo como materia optativa en diversos IES.

Xa custa Portugal. Non hai empresas que oferten destinos en Italia.

Outros aspectos da convocatoria

Solicitamos que as persoas ás que se lles conceda o PIALE na modalidade de curso durante o mes de xullo queden exentas de formar parte dos tribunais de oposición.

Vano reflectir na convocatoria de oposicións.

Consideramos excesivo o límite de cinco convocatorias durante as cales non poderá participar o profesorado que renuncie sen causa xustificada ou obteña avaliación negativa, polo que solicitamos que se reduza a tres convocatorias. Así mesmo, rexeitamos que a aceptación dunha renuncia fóra de prazo dependa exclusivamente da vontade da persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa. Entendemos que debería ser a comisión avaliadora, coa presenza das organizacións sindicais, a que se pronuncie sobre a aceptación ou non destas renuncias.

Hai uns criterios que se acordaron coas organizacións sindicais e son os criterios que se aplican. Poderíanse explicar eses criterios. A finalidade da penalización é que a xente tome isto en serio, porque a renuncia dunha persoa xera problemas para que outra persoa poida aproveitar a praza.

Solicitamos tamén que se eliminen as incompatibilidades con outras convocatorias, como as licenzas por formación, tendo en conta que a duración do programa é de tan só dúas semanas.

Vano considerar.

En relación co baremo, non entendemos por que non se aplica o baremo común consensuado o ano pasado entre a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e as organizacións sindicais da Mesa Sectorial para este tipo de concursos específicos, baseado nos apartados do Concurso Xeral de Traslados e cun apartado final relativo aos aspectos propios de cada convocatoria.

Dannos a razón. Mirarán se é posible utilizalo na seguinte convocatoria.

Finalmente, como vén sendo costume, debemos denunciar o incumprimento das condicións do prego por parte dalgunhas empresas adxudicatarias do servizo, en particular na modalidade de integración en Canadá, da que recibimos diversas queixas e incidencias por parte do profesorado participante. Solicitamos que se esixa o cumprimento íntegro das condicións estipuladas no prego e que, no caso de non se poder garantir, se proceda a unha nova contratación.

Non hai tantas empresas que se presenten a estes procesos. Intentan que cumpran, teñen reunións con elas, etc. Son os primeiros interesados en que se desenvolva correctamente a actividade.

Rolda final de intervencións

Queremos expresar a nosa máis absoluta repulsa polo visionado de imaxes de inspiración fascista durante actividades do denominado “Plan Director” impartidas pola Policía Nacional en centros educativos da provincia de Ourense. En concreto, referímonos á exhibición de carteis publicitarios do partido de extrema dereita VOX que criminalizan e estigmatizan a menores inmigrantes non acompañados. Manifestamos a nosa total adhesión ás queixas formuladas polos claustros destes centros e esiximos unha actuación enérxica e exemplarizante por parte desta Dirección Xeral, en coherencia coa suposta “neutralidade ideolóxica” que a Consellería di defender.

Denunciamos tamén a actitude irresponsable dalgúns inspectores/as e directores/as da provincia de Ourense que, tras a suspensión da actividade lectiva por alerta meteorolóxica por neve en varios concellos o venres 23 de xaneiro, apresuráronse a esixir a asistencia do profesorado aos centros educativos, malia as evidentes dificultades de acceso por estrada, contravindo o protocolo de alertas da propia Consellería e poñendo en risco innecesario ao persoal dos centros. Un exemplo disto foi o acontecido no IES García Barbón de Verín.

Situacións similares producíronse tamén onte, día 26, en centros do interior da provincia de Pontevedra, onde determinadas direccións e inspeccións pretenderon obrigar o persoal docente a acudir ao seu posto de traballo en situación de alerta vermella. Solicitamos que se adopten as medidas oportunas contra aquelas inspeccións e direccións que incumpriron o protocolo de alertas meteorolóxicas publicado no portal educativo da Consellería de Educación e que se revise este protocolo.

Din que prima a prudencia e a seguridade. No caso do IES García Barbón, non entenden por que se obrigou o profesorado a asistir ao centro. Non había instrucións nese senso por parte da Consellería. Consideran que o texto do protocolo é claro no senso de garantir a seguridade do persoal. Pero ao mellor é necesario revisalo.