O BOE do 20 de novembro publicou dous reais decretos que desenvolven aspectos da LOSU e que afectan directamente á organización do profesorado, á actividade docente e aos procedementos de acreditación.
No BOE do 20 de novembro de 2026 publicáronse dous novos reais decretos:
- Real decreto 1025/2026, do 18 de novembro, polo que se determinan as especialidades de coñecemento, para os efectos de establecer os perfís dos concursos das prazas de profesorado universitario das universidades públicas, e os ámbitos de coñecemento, para os efectos da adscrición dos postos de traballo do profesorado universitario, e se modifica o Real decreto 898/1985, do 30 de abril, sobre o réxime do profesorado universitario.
- Real decreto 1024/2026, do 18 de novembro, polo que se regula o procedemento para a acreditación do profesorado permanente laboral pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) e se modifica o Real decreto 678/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso ás prazas destes corpos.
1. Real decreto de especialidades e ámbitos de coñecemento
Real decreto 1025/2026, do 18 de novembro. Entrada en vigor: 21 de novembro de 2026.
A norma establece unha nova relación de 400 especialidades de coñecemento: 360 novas e 40 que se corresponden con áreas de coñecemento anteriores e que se manteñen vixentes. Tamén establece 53 ámbitos de coñecemento, aos que deberán adscribirse os postos de traballo do profesorado funcionario e laboral das universidades públicas.
Este real decreto ten consecuencias importantes para a organización das prazas e dos postos de traballo do persoal docente e investigador (PDI):
- Perfís das prazas: as especialidades de coñecemento determinarán o perfil académico, docente e investigador das prazas. As novas convocatorias deberán especificar unha ou varias especialidades.
- Adscrición dos postos de traballo: cada posto deberá adscribirse a un ou varios ámbitos de coñecemento, de acordo co procedemento e cos criterios que estableza cada universidade.
- Prazos: o Consello de Universidades dispón de dous meses para establecer os criterios básicos comúns de adscrición. As universidades terán un máximo de doce meses, desde a entrada en vigor, para asignar os postos de traballo aos novos ámbitos nas súas relacións de postos de traballo.
Que acontece co profesorado actual?
O profesorado que xa teña asignada unha área de coñecemento manterá esa asignación, agora denominada especialidade de coñecemento, mentres siga formando parte do cadro de persoal da súa universidade.
Excepcionalmente, poderá solicitar o cambio a unha especialidade de nova creación. Para iso, disporá de doce meses desde que a universidade concrete os criterios e o procedemento. O Consello de Goberno terá seis meses para resolver e, se non existe resolución expresa nese prazo, a solicitude entenderase estimada.
As convocatorias de prazas que xa fosen aprobadas polos consellos de goberno antes da entrada en vigor do real decreto non se verán afectadas. Transcorridos doce meses, as novas convocatorias deberán adecuarse ás especialidades establecidas.
Cambios na organización docente
O real decreto modifica tamén o artigo 11 do RD 898/1985, relativo ás obrigas docentes.
O profesorado catedrático e titular de universidade e de escolas universitarias terá a obriga de impartir docencia en calquera centro da súa universidade e, de ser o caso, en centros sanitarios concertados, en materias relacionadas co ámbito de coñecemento ao que estea adscrito o seu posto, tendo presente, con carácter xeral, a especialidade ou especialidades da súa praza.
Esta previsión esténdese expresamente ao profesorado permanente laboral e ao profesorado laboral temporal.
Os ámbitos de coñecemento serán o criterio preferente para a organización docente. Por iso, será especialmente importante como se concreten os criterios de adscrición en cada universidade e que efectos teñan sobre a distribución da docencia e as funcións do profesorado.
2. Novo procedemento de acreditación do profesorado permanente laboral
Real decreto 1024/2026, do 18 de novembro. Entrada en vigor: 20 de decembro de 2026.
A norma regula o procedemento de acreditación do profesorado permanente laboral (PPL) por parte da ANECA. Aplicarase ás universidades do ámbito de competencia estatal e ás dos sistemas universitarios autonómicos cando así o prevexa a súa normativa.
Entre as súas principais novidades destacan:
- Tramitación conxunta: a solicitude de acreditación ao PPL entenderase presentada xunto coa de profesor ou profesora titular de universidade ou catedrático ou catedrática de universidade, segundo corresponda, agás que a persoa solicitante xa dispoña de acreditación como profesorado contratado doutor ou como PPL.
- Criterios de avaliación: aplicaranse os mesmos procedementos e criterios establecidos pola ANECA para a acreditación do profesorado funcionario.
- Actividade noutra universidade ou centro de investigación: cando a solicitude de PPL se presente conxuntamente coa de profesor ou profesora titular de universidade, esixiranse, con carácter xeral, nove meses acumulados de actividade docente, investigadora e, de ser o caso, de transferencia nunha universidade ou centro de investigación distinto daquel no que se realizou a tese de doutoramento. A mera participación en proxectos de investigación non será suficiente. Contémplanse exencións legais e a posibilidade de que a ANECA dispense deste requisito en determinadas circunstancias xustificadas.
- Prazos e resolución: a ANECA disporá de seis meses para resolver. O silencio administrativo será desestimatorio. Fronte a unha resolución desfavorable poderá presentarse unha reclamación ante o Consello de Universidades no prazo dun mes.
- Nova solicitude: se a resolución é desfavorable, non poderá iniciarse outro procedemento de acreditación ata que transcorran doce meses desde a presentación da solicitude avaliada desfavorablemente.
Que acontece coas acreditacións anteriores?
As acreditacións vixentes de profesorado contratado doutor manteñen a súa validez para a figura de PPL, conforme á disposición transitoria terceira da LOSU.
Ademais, as acreditacións obtidas conforme ao novo real decreto tamén serán válidas para a contratación de profesorado en universidades privadas e computarán para os efectos da porcentaxe mínima de profesorado doutor esixida legalmente.
As solicitudes de acreditación como profesorado contratado doutor e profesorado de universidade privada presentadas ante a ANECA antes da entrada en vigor desta norma continuarán tramitándose conforme ao procedemento anterior.
Desde CCOO reclamamos transparencia e participación efectiva do PDI
Desde CCOO lamentamos que, malia termos realizado achegas aos borradores destas normas durante a súa tramitación, non recibísemos información sobre o texto definitivo nin sobre o tratamento dado ás nosas propostas antes da súa publicación no BOE.
Ambos os dous reais decretos teñen consecuencias directas sobre a organización do traballo, a actividade docente e as posibilidades de carreira e desenvolvemento profesional do PDI.
Por iso, reclamamos que a súa aplicación nas universidades se desenvolva con transparencia e coa participación efectiva da representación do PDI.
Desde CCOO realizaremos unha análise máis detallada e faremos un seguimento especial da concreción dos criterios de adscrición aos novos ámbitos de coñecemento, dos seus efectos sobre a organización docente e das condicións do novo procedemento de acreditación do PPL.
Os cambios que afectan á organización do traballo e á carreira profesional do PDI deben abordarse con transparencia, participación e respecto aos dereitos do profesorado.
CCOO. SEMPRE EN DEFENSA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA.

