25N. Contra o negacionismo e o racismo machista: coeducación, servizos públicos e feminismo sindical

25 de novembro – Día Internacional pola Eliminación das Violencias de Xénero

Un ano máis, este 25 de novembro, desde CCOO alzamos a voz nas aulas, nos centros de traballo e nas rúas para reafirmar o noso compromiso irrenunciable coa erradicación de todas as formas nas que se manifesta a violencia machista, esixir o fortalecemento das políticas públicas específicas para acabar coas súas causas, previr a súa aparición e protexer e atender de xeito integral as mulleres e menores que a sofren.

O 25 de novembro lémbranos que a violencia contra as mulleres segue a ser unha realidade que debemos afrontar na nosa comunidade universitaria. Nas nosas universidades públicas esta realidade tamén está presente e aféctanos de xeito directo: diferentes estudos indican que máis do 30 % das mulleres no ámbito académico sufriron algunha forma de violencia ou acoso por razóns de xénero. Ademais, persiste unha fenda salarial e de contratación que prexudica especialmente as mulleres nas categorías con maior precariedade.

A violencia contra as mulleres foi sempre a manifestación máis salvaxe e estrutural da discriminación. Unha discriminación que se aprende e se reproduce tamén nos contextos educativos e socioeducativos: a través de currículos que invisibilizan as mulleres, de estereotipos de xénero nos materiais de estudo e traballo, de expectativas diferenciadas do profesorado e das familias, da falta de educación afectivo-sexual integral, do acoso sexual na universidade, das dificultades para o desenvolvemento da carreira académica, etc.

Este 25N, desde o feminismo de clase de CCOO, denunciamos dúas graves ameazas que golpean directamente a convivencia democrática, o labor educativo e os dereitos das traballadoras e dos traballadores: o negacionismo institucional e a instrumentalización racista das violencias machistas.

A educación e o ámbito socioeducativo fronte á ofensiva negacionista

Lembremos que:

  • Desde 2003 —cando comezaron a contabilizarse— ata hoxe, 1.386 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas.
  • No que vai de 2026, foron asasinadas 45 mulleres, deixando un total de 37 menores en situación de orfandade.
  • O número de menores asasinados e asasinadas por violencia vicaria desde 2013 —momento no que comezaron a contabilizarse— ascende a 68, 3 no que vai de ano.
  • Denúncianse 15 violacións ao día no noso país e máis de 4,4 millóns de traballadoras (o 28,4 %) sufriron acoso sexual no ámbito laboral.

A violencia machista maniféstase tamén nas agresións sexuais, na prostitución, na trata con fins de explotación sexual ou no control económico.

Asistimos a unha ofensiva ideolóxica reaccionaria que pretende desmantelar os avances conquistados polo movemento feminista e expulsar a igualdade das aulas e dos recursos sociais. Nas comunidades autónomas e nos concellos gobernados polas dereitas recórtanse partidas orzamentarias, elimínanse concellarías e consellarías de igualdade e téntase impoñer a censura parental e o veto á educación afectivo-sexual e en igualdade.

Substituír o concepto de violencia de xénero polo de «violencia intrafamiliar» non é un simple cambio de palabras: busca invisibilizar a raíz estrutural do machismo e desarmar a prevención desde a infancia e a mocidade. Ademais, o auxe dos discursos misóxinos nas redes sociais está a calar entre a poboación máis nova, reproducindo violencias dixitais e condutas de control.

Desde CCOO comprometémonos a combater:

  • Todas as violencias contra as mulleres, esixindo políticas públicas específicas de igualdade e de loita contra as violencias machistas, cos recursos materiais e humanos necesarios para garantir a cobertura total na atención integral ás mulleres e menores vítimas, así como a detección de situacións de risco e a súa prevención.
  • As desigualdades estruturais por razón de sexo-xénero que as causan ou favorecen, por acción ou omisión.
  • O negacionismo da violencia de xénero, os retrocesos e recortes que impoñen a ultradereita e a dereita nos gobernos autonómicos e locais ás políticas e servizos neste ámbito, así como os seus discursos antifeministas e contrarios ás políticas de igualdade e aos dereitos das mulleres.

Porque a invisibilidade mata e a falta de recursos deixa as vítimas desprotexidas, traballaremos para:

  • Acabar coas causas materiais e culturais nas que se asenta a violencia machista.
  • Esixir o cumprimento e a aplicación dos plans de igualdade e dos protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo, e impulsar medidas de acción positiva na negociación colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, dos estereotipos sexistas e das desigualdades estruturais que constitúen o caldo de cultivo das violencias contra as mulleres.
  • Formar e sensibilizar os cadros de persoal nos centros de traballo.
  • Mellorar, con medidas específicas e mediante a negociación colectiva, os dereitos económicos e sociolaborais das mulleres vítimas de violencia de xénero e violencia sexual.
  • Asesorar as vítimas e as mulleres superviventes.
  • Reclamar, no marco do diálogo social, as adaptacións legais necesarias para a plena aplicación do Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre a violencia e o acoso.
  • Avanzar cara a unha coeducación real e garantida.
  • Incrementar os servizos públicos de atención á infancia, á adolescencia e ás mulleres vítimas de violencia, con especial atención aos servizos sociais comunitarios e aos equipos de orientación educativa.
  • Impulsar políticas públicas que protexan a vida e a dignidade de todas as mulleres en todos os ámbitos.
  • Dignificar os sectores feminizados: acabar coa precariedade, coa externalización e coa fenda salarial.
  • Consolidar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero: reforzar as políticas públicas e as redes de atención integral ás vítimas.

A creación de contornas seguras e respectuosas depende de todas e todos. A universidade debe ser un espazo libre de medo e violencia, onde o talento se desenvolva en condicións de igualdade e dignidade.

Este 25 de novembro, desde CCOO reafirmamos o noso compromiso coa erradicación da violencia contra as mulleres e facemos un chamamento a toda a comunidade universitaria para que se sume activamente a esta loita.

Fronte a quen aviva o odio, recorta dereitos e nega a realidade, as traballadoras e os traballadores do ensino e dos servizos socioeducativos respondemos con máis coeducación, máis servizos públicos, máis organización e máis feminismo de clase.

Contra o negacionismo, pola vida das mulleres!

Acude ás concentracións e mobilizacións convocadas este 25 de novembro no teu centro de traballo e na túa localidade.