Máis tempo para coidar, máis dereitos laborais: novos permisos por dó, nacemento e coidados

Desde CCOO Ensino valoramos positivamente a ampliación dos permisos laborais aprobada polo Goberno, que supón un avance na conciliación da vida persoal, familiar e laboral e na protección das persoas traballadoras en momentos especialmente difíciles das súas vidas. Estas medidas permiten homologar o marco normativo español ao doutros países europeos cun maior nivel de protección das persoas traballadoras nestas circunstancias.

O Consello de Ministros aprobou este 24 de novembro, por proposta do Ministerio de Traballo e Economía Social, un real decreto-lei que amplía os permisos existentes e recoñece novos dereitos laborais en materia de coidados, conciliación e acompañamento.

Ampliación do permiso por dó en caso de falecemento

O actual permiso por falecemento pasa a denominarse permiso por dó en caso de falecemento e amplía a súa duración:

  • 10 días laborables polo falecemento do cónxuxe, parella de feito ou familiares de primeiro grao de consanguinidade (pais, nais, fillos e fillas). Poderán gozarse dentro das catro semanas posteriores ao falecemento.
  • 3 días laborables polo falecemento de familiares de primeiro grao de afinidade ou de segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
  • 5 días laborables cando, neste último suposto, sexa necesario realizar un desprazamento.

Esta ampliación supón un importante avance no recoñecemento das necesidades emocionais das persoas traballadoras ante a perda dun ser querido e sitúa España na liña dos países europeos máis avanzados nesta materia, como Portugal ou Bélxica.

Novo permiso de acompañamento na morte digna

Créase un novo permiso dun día para a persoa traballadora que sexa designada para acompañar a outra persoa que reciba a prestación de axuda para morrer (eutanasia).

Novos dereitos para a atención a familiares en coidados paliativos

Recoñécese expresamente o dereito a solicitar a adaptación ou a redución da xornada laboral para atender o cónxuxe, parella de feito ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade que precisen coidados paliativos.

Ademais, os períodos de redución de xornada por este motivo non suporán unha redución das cotizacións á Seguridade Social.

Ampliación do permiso por nacemento e coidado de menores

  • O permiso amplíase de 19 a 20 semanas por cada persoa proxenitora, adoptante, gardadora ou acolledora.
  • No caso das familias monoparentais, amplíase de 32 a 34 semanas.
  • As semanas das que se poderá gozar de forma acumulada ou interrompida ata que o cativo ou cativa cumpra oito anos pasan de dúas a tres, e de catro a seis no caso das familias monoparentais.

Un avance na humanización das relacións laborais

Desde CCOO Ensino defendemos que o traballo debe ser compatible coas necesidades persoais, familiares e emocionais das persoas traballadoras.

Afrontar a perda dun ser querido, acompañar unha persoa nos últimos momentos da súa vida ou atender as necesidades de coidado da familia non pode supoñer unha penalización laboral nin obrigar a renunciar a dereitos.

Por iso, valoramos positivamente estas medidas e seguiremos traballando para ampliar os dereitos de conciliación e garantir que o seu exercicio efectivo alcance o conxunto das persoas traballadoras, con independencia do sector ou do seu vínculo laboral coa empresa ou coa Administración.

Desde CCOO facemos un chamamento á Deputación Permanente do Congreso dos Deputados para que valide este real decreto-lei, facendo do exercicio parlamentario unha expresión de humanidade e dignidade que afecta a millóns de persoas traballadoras do noso país.

Unha vez publicado o real decreto-lei no BOE, analizaremos o seu alcance, a súa entrada en vigor e a súa aplicación aos distintos colectivos do ensino.

Consulta a nota de prensa oficial do Ministerio de Traballo e Economía Social