A neutralidade institucional e os dereitos das persoas usuarias e traballadoras están por riba de calquera acto electoral

Desde CCOO Ensino queremos deixar clara a nosa posición ante a celebración de actos de carácter electoral nas instalacións do HC San Rafael, con independencia da formación política que participe neles.

A titularidade privada dun centro non pode obviar a responsabilidade que deriva da prestación de servizos financiados con fondos públicos, nin xustificar que a actividade partidista se integre na actividade asistencial e laboral ordinaria.

O artigo 3.2 da LOREG establece que toda persoa ten dereito a exercer o sufraxio de maneira consciente, libre e voluntaria, cos medios de apoio que precise. Pola súa banda, a normativa de dereitos das persoas con discapacidade recoñece a autonomía individual e a liberdade na toma de decisións.

A voluntariedade non se garante simplemente afirmando que a asistencia é libre: require condicións reais que impidan calquera tipo de presión ou condicionamento.

Do mesmo xeito, debe quedar plenamente garantida a liberdade ideolóxica das persoas traballadoras, sen que a súa participación, colaboración ou asistencia a estes actos poida vir condicionada pola súa relación laboral ou polas súas responsabilidades profesionais.

Por iso, CCOO defende a necesaria separación entre a actividade partidista e a actividade asistencial e laboral do centro.

Os mesmos principios, as mesmas garantías e as mesmas esixencias para todas as formacións políticas, sen excepción.

CCOO Ensino seguirá defendendo os dereitos das persoas usuarias, das persoas traballadoras e das súas familias.