Rexeitamos o uso inxustificado da forza para reprimir o dereito constitucional de folga e a liberdade de expresión

A universidade non pode permanecer impasible ante a vulneración dun dereito fundamental nos seus campus

O 14 de outubro comezaron importantes mobilizacións en todo o sector educativo da Comunidade de Madrid, unhas mobilizacións que inclúen unha folga indefinida no ensino público non universitario e unha xornada de folga en dúas universidades, a Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade Rey Juan Carlos (URJC). Neste marco de loita polo ensino público, asistimos con sorpresa e indignación á represión inxustificada e desproporcionada, por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado, do exercicio libre e democrático do dereito de folga, expresado na participación pacífica nun piquete informativo da comunidade universitaria na Universidade Complutense de Madrid.

Non deberiamos ter que lembrar que, en España, o dereito de folga está recoñecido como un dereito fundamental no artigo 28.2 da Constitución española. O dereito a participar nun piquete informativo é unha manifestación deste dereito fundamental de folga e da liberdade de expresión, cuxa función principal é difundir a existencia do conflito e pedir pacificamente a outras persoas afectadas pola convocatoria que se sumen á folga. Impedir o libre exercicio das funcións dun piquete informativo durante unha folga legalmente convocada pode vulnerar o dereito fundamental de folga e a liberdade sindical, así como a liberdade de expresión e información.

Rexeitamos que o exercicio lexítimo destes dereitos poida verse obstaculizado mediante actuacións policiais inxustificadas, intimidatorias ou desproporcionadas. A intervención das forzas e corpos de seguridade debe orientarse a protexer os dereitos e liberdades de todas as persoas, non a dificultar o exercicio pacífico dun dereito fundamental nin a disuadir as persoas traballadoras de participar nunha mobilización sindical. Nunha sociedade democrática, situacións como a vivida na Universidade Complutense resultan inadmisibles e intolerables. As imaxes de axentes policiais cargando e empregando a forza contra quen exerce lexitimamente o dereito de protesta e manifestación para expresar as súas reivindicacións non son propias dun sistema democrático que debe garantir os dereitos fundamentais.

A existencia dunha folga non constitúe, por si mesma, unha razón suficiente para presumir condutas ilícitas nin para limitar indiscriminadamente os dereitos de quen participa nela. Defender o dereito de folga implica defender tamén a liberdade sindical, a acción colectiva e a posibilidade de que a comunidade universitaria exprese publicamente as súas reivindicacións. A protección da orde pública debe ser compatible co respecto efectivo dos dereitos fundamentais e non pode converterse nun instrumento para neutralizar unha protesta lexítima.

Esiximos, polo tanto, o respecto efectivo do dereito de folga, o cesamento de calquera actuación inxustificada que obstaculice o labor dos piquetes informativos, o esclarecemento dos feitos por parte da Delegación do Goberno e do Ministerio do Interior e a adopción de medidas se se acredita o uso ilexítimo ou desproporcionado da forza policial, depurando as responsabilidades que legalmente correspondan. Desta volta foi na Universidade Complutense de Madrid, pero mañá esta situación pode repetirse en calquera outro campus universitario, especialmente nun contexto de mobilizacións crecentes no que o dereito de folga, o dereito de reunión, a liberdade de expresión e outros dereitos fundamentais deben ser protexidos e non perseguidos.

Esiximos ás persoas responsables das universidades, e en particular aos seus órganos de goberno e dirección, que asuman a súa responsabilidade institucional na defensa dos dereitos fundamentais da comunidade universitaria e garantan o libre exercicio do dereito de folga, incluída a participación en piquetes informativos pacíficos. A universidade, como institución pública comprometida cos valores democráticos, a liberdade de expresión e os dereitos fundamentais, non pode permanecer indiferente ante este tipo de actuacións. Correspóndelle adoptar as medidas que estean dentro das súas competencias para evitar restricións inxustificadas, garantir que se poida informar libremente sobre a folga e velar por que os espazos universitarios se xestionen con pleno respecto aos dereitos constitucionais.

Por iso, reclamamos ás persoas responsables das universidades:

  • Que garantan o exercicio efectivo do dereito de folga e da actividade informativa pacífica dos piquetes.
  • Que rexeiten e eviten calquera actuación inxustificada que obstaculice, intimide ou limite o exercicio destes dereitos.
  • Que soliciten as explicacións oportunas e promovan o esclarecemento dos feitos ante calquera intervención policial presuntamente desproporcionada ou carente de xustificación suficiente.
  • Que adopten as medidas necesarias, dentro das súas competencias, para evitar que situacións similares volvan producirse.
  • Que expresen publicamente o seu compromiso cos dereitos fundamentais, a liberdade sindical e o respecto á protesta laboral pacífica.

A autonomía universitaria e a responsabilidade institucional deben exercerse en coherencia cos principios constitucionais. A universidade non pode contribuír, por acción ou omisión, a normalizar restricións inxustificadas dos dereitos colectivos da comunidade universitaria.

Esiximos ás persoas responsables das universidades que actúen con claridade, responsabilidade e firmeza, que garantan o libre exercicio do dereito de folga e da actividade dos piquetes informativos pacíficos e que non permanezan impasibles ante actuacións que poidan vulnerar estes dereitos fundamentais. Defender os dereitos de quen traballa e estuda na universidade é tamén defender unha universidade democrática, plural e comprometida coas liberdades públicas.

Porque informar non é coaccionar, persuadir non é exercer a violencia e participar pacificamente nun piquete informativo forma parte do exercicio lexítimo dos dereitos colectivos da comunidade universitaria. A folga é un dereito fundamental, non unha concesión, e o seu exercicio debe quedar garantido fronte a calquera interferencia inxustificada.

Co noso sindicalismo seguimos demostrando a nosa utilidade para mellorar a vida das persoas traballadoras.