Guía sindical de recursos e dereitos contra a violencia de xénero e violencias sexuais

Admitir que a violencia de xénero e as violencias sexuais son un problema social supón asumir un compromiso social e, por tanto, en acción sindical. Esta guía pretende ser unha axuda nese cometido.

A violencia de xénero e a violencia sexual son un problema colectivo que nos desafía socialmente. Aféctanos como cidadanía porque pon en risco a igualdade e a dignidade humana, amais de reflectir desigualdades estruturais e de roles de poder. Cada acto de violencia de xénero e cada acto de violencia sexual danan non só a vítima, senón as familias, comunidades e incluso institucións que deben protexer o respecto e os dereitos humanos.

As vítimas non deben enfrontarse á violencia soas e de xeito illado; a súa situación e a recuperación dependen do acompañamento social, legal, psicolóxico e comunitario que reciban. Existe unha responsabilidade estatal de protección de toda a súa cidadanía e, xa que logo, de previr pero tamén de outorgar dereitos, recursos e servizos de reparación para as persoas que o sofren e de castigo e penalización para os agresores.

Pero tampouco se pode esquecer que son vitais os círculos das vítimas para que as mulleres se sintan protexidas e apoiadas. As mulleres que sofren as violencias de xénero e as violencias sexuais séntense en moitas ocasións desamparadas, sen forzas e sen recursos. Os agresores provócanlles un illamento social que agranda a súa situación de soidade e desamparo. Os sentimentos de fracaso na súa relación, o temor polo seu futuro, o medo e a inseguridade pola súa integridade e a das súas fillas e fillos e mesmo sentimentos de culpa inculcados polo agresor paralízanas e dificúltanlles saír do contexto de violencia. A sensación de traizón ao agresor —que nalgúns casos é o pai dos seus fillos— cando denuncian frea moitas veces a busca de axuda e a expresión do seu malestar.

Porén, a escoita activa, a empatía e a sensibilización colectiva poden contribuír a que as vítimas gañen confianza para denunciar e saír do círculo de violencia. A existencia dun volume importante de delegadas e delegados nos centros de traballo pode ser un foco de seguridade e información para as traballadoras que sofren violencias machistas. Admitir que a violencia de xénero e as violencias sexuais son un problema social supón asumir un compromiso social e, por tanto, en acción sindical, reivindicando, pola súa vez, unhas políticas públicas concretas.

Empezar por recoñecer a violencia, practicar a escoita activa, educar en igualdade e promover relacións respectuosas pode ser parte activa da solución coa que o activo sindical pode colaborar.

Carolina Vidal López
Secretaria confederal de Mulleres e Igualdade de CCOO

Guía de dereitos e recursos contra violencias machistas (en castelán)