25N: UN PASO ADIANTE POR ESPAZOS LABORAIS LIBRES DE VIOLENCIAS MACHISTAS

Fronte ás violencias contra as mulleres e ante un novo 25N, dende CCOO reiteramos, tamén na USC, o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e os traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatelas ata a súa total eliminación, tanto dos centros de traballo como do conxunto da sociedade.

Chamamos a combatela desde todos os ámbitos, atallando as súas causas e aumentando os recursos e instrumentos públicos para a súa prevención e erradicación.

Chamamos ao rexeitamento frontal e á condena aos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade e revitimizan as mulleres superviventes.

Chamamos tamén ás traballadoras e traballadores e ao conxunto da cidadanía a participar, xunto co movemento feminista, nos actos reivindicativos do #25N, para sumarnos ao berro global contra as violencias machistas.

No traballo e fóra del, todas e todos somos clave para responder ante a violencia de xénero e a violencia sexual. Por iso, reforzamos o noso compromiso con máis actuacións e propostas para facer dos ámbitos laborais espazos libres de violencias machistas. 

Cando unha vítima pide axuda, ten que saber que non está soa: Ten dereito a asistencia social integral, xustiza gratuíta, reordenar a súa xornada, teletraballar ou cambiar de centro, axudas económicas, subsidio e IMV e prioridade en vivenda protexida. Descarga aquí a Guía sindical de recursos e dereitos contra a violencia de xénero editada pola confederación sindical de CC.OO.