Na reunión deste martes 23 de setembro, finalmente o Ministerio presentounos a súa proposta para reducir por lei o horario lectivo do profesorado a un máximo de 18/23 horas, e que será de aplicación xa desde o vindeiro curso 2026-2027. Tamén se inclúe a proposta de redución de ratios.
En Galicia, e grazas ao Acordo sobre medidas de mellora asinado por CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP xa contamos con 23 horas lectivas nas etapas de Educación Infantil, Primaria e Especial desde o curso 24-25. E isto non implica renunciar á recuperar as 21 horas lectivas que tivemos no pasado.
Ademais, o Acordo xa prevé en Galicia a negociación do horario lectivo para o resto de etapas co fin de recuperarmos as 18 horas lectivas.
Convén ter en conta que en Galicia as sesións nestas etapas son de 50 minutos (a excepción dos CIFP), ao contrario que en boa parte do resto de comunidades, onde as sesións duran 55 ou mesmo 60 minutos. E foi grazas á alegación presentada por CCOO en varias ocasións na Mesa Sectorial Estatal que esta proposta do Ministerio engade un detalle moi importante, que é que “aínda cando os períodos lectivos impartidos teñan unha duración inferior a 60 minutos terán a consideración de hora lectiva”.
A proposta do Ministerio incorpora unha excepción pola que se podería chegar ás 21 horas lectivas en secundaria a cambio de reducir horas complementarias. Porén, malia a desinformación difundida interesadamente por algunha organización, esta é unha disposición que leva vixente dende 1994 na Orde coas instrucións que regulan o funcionamento dos institutos de Educación Secundaria a nivel estatal e que nunca tivo efectos prácticos en Galicia.
Por outra banda, a proposta do Ministerio en canto a ratios ten moito menos impacto que as reivindicacións feitas por CCOO que consisten en que, ademais de baixar as ratios con carácter xeral, todo o alumnado con calquera necesidade específica de apoio, incluídas tamén as asociadas á desventaxe socioeducativa, conte dobre a efectos de ratio.
En Galicia xa dispoñemos grazas ao Acordo de ratios limitadas de implantación progresiva, cómputo dobre e triplo de alumnado con discapacidade, grao de dependencia ou trastorno grave de conduta, ratios máximas fixadas para ESO e Bacharelato (pendente aínda de aplicación), incrementos retributivos por cargos, por antigüidade e formación (sexenios), etc.
Todo isto é o que temos conseguido en CCOO tanto en Galicia como no Estado grazas a combinar unha estratexia de negociación (con seriedade e espírito construtivo, en todos os ámbitos e con gobernos de calquera cor política) + mobilización (tanto nas rúas coma nos xulgados, ante a pasividade e os incumprimentos das administracións, goberne quen goberne).
Quedan moitos aspectos nos que seguir negociando e presionando, pero desde CCOO Ensino seguiremos actuando con rigor, abertos á unidade de acción de toda a comunidade educativa e co único fin de conseguir melloras tanto para o sistema educativo como nas condicións laborais das súas persoas traballadoras.
