O Tribunal Supremo confirma, tras un longo proceso xudicial iniciado por CCOO, o dereito do PDI laboral a tempo parcial ao complemento salarial do quinquenio con independencia da súa dedicación.
Recoñece este dereito nos mesmos termos có PDI laboral permanente a tempo completo: plenitude de dereitos económicos e sen aplicación de coeficientes redutores.
Rexeita a dobre discriminación que as universidades veñen exercendo sobre o profesorado asociado.
CCOO leva anos reclamando:
- O dereito á avaliación da actividade docente do PDI laboral, tanto permanente como temporal, a tempo completo ou parcial.
- E, no caso de avaliación positiva, a percibir o correspondente complemento salarial.
O recoñecemento deste dereito primeiro expúxose perante as diferentes universidades pero, ante a negativa destas na maioría dos casos a recoñecelo, foi trasladado mediante demandas individuais perante os xulgados do social e mediante conflitos colectivos nos tribunais superiores de xustiza das comunidades autónomas. Ditas demandas foron resoltas, case na súa totalidade, con sentenzas favorables aos criterios defendidos por CCOO e recoñecendo este dereito. Porén, as universidades, lonxe de asumir as súas obrigas en relación cos seus cadros de persoal de PDIL, recorreron sistematicamente estas sentenzas, o que impediu a súa aplicación efectiva.
Este proceso de denuncias chegou finalmente ao Tribunal Supremo (TS), que en 2020 ditou a sentenza 1111/2020, que recoñeceu “ao persoal laboral temporal o dereito a solicitar a avaliación de méritos docentes nos mesmos termos que o persoal docente investigador laboral permanente sempre e cando concorra o elemento temporal esixido nas normas de desenvolvemento do referido complemento”. Con esta sentenza, o TS estableceu de forma clara e inequívoca que a temporalidade non pode ser o criterio para negar o dereito á avaliación da actividade docente (quinquenio).
Porén, as universidades seguiron cuestionando o dereito do PDIL a tempo parcial, unha vez avaliada de forma positiva a súa actividade docente, a percibir o complemento salarial correspondente, aplicando, ademais, un coeficiente reductor do 0,5. Isto supón que o PDIL a tempo parcial, cando podía participar na convocatoria, debía acreditar 10 anos de docencia fronte aos 5 anos esixidos ao profesorado a tempo completo. E todo iso para, no caso de avaliación positiva, non cobrar nin un euro.
Esta situación vén de se resolver nestes días coa sentenza nº 748/2025 do Pleno da Sala do Social do Tribunal Supremo que confirma e declara a firmeza da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) 202/2022 da demanda presentada por CCOO na que se establecía “o dereito do persoal docente e investigador non permanente a tempo parcial a someter a actividade docente realizada cada cinco anos a unha avaliación perante a Universidade na que preste os seus servizos, sen aplicar coeficiente de parcialidade ningún, e no caso de superar favorablemente a avaliación, a adquirir e consolidar por cada unha delas un complemento por méritos docentes, nunha contía anual que varía segundo a figura docente e investigadora de que se trate e a dedicación desenvolvida, en contía proporcional ao tempo efectivo de prestación de servizos, nos mesmos termos que o persoal docente e investigador laboral a tempo completo, xa sexa indefinido ou temporal.”
Que supón esta sentenza?
O TS ratifica que a sentenza do TSXM é firme (o que supón que non pode ser recorrida e é de obrigado cumprimento para as universidades públicas de Madrid) e, polo tanto, recoñécese:
- O dereito do PDIL temporal a tempo parcial (fundamentalmente profesorado asociado) a someter a actividade docente realizada cada 5 anos a unha avaliación ante a universidade na que preste os seus servizos, sen aplicar coeficiente de parcialidade ningún. A sentenza determina que a aplicación do coeficiente de parcialidade de 0,5 en avaliacións docentes do PDIL a tempo parcial discrimina este colectivo.
- E o dereito a percibir o complemento salarial asociado á avaliación positiva da actividade docente nunha contía anual que varía segundo a figura docente e investigadora de que se trate e a dedicación desenvolvida, en contía proporcional ao tempo efectivo de prestación de servizos.
A quen afecta esta sentenza?
De forma directa, ao PDIL a tempo parcial das universidades públicas de Madrid, pero tamén a todo o PDIL a tempo parcial das universidades públicas cuxas circunstancias sexan as mesmas valoradas na sentenza do Tribunal Supremo. Isto é, ao PDIL a tempo parcial das universidades públicas que poida acreditar cinco anos de docencia, tanto:
- Se xa ten recoñecido este dereito en base a convocatorias anteriores da universidade na que obtivo unha avaliación positiva pero non se lle aboou cantidade ningunha.
- Como ao profesorado que o solicite por primeira vez na convocatoria da súa universidade que se publique cada ano a partir desta sentenza. Estas convocatorias deberán axustarse ao establecido nesta resolución.
Isto non quere dicir que a aplicación sexa automática. As universidades públicas deberían reflectir na convocatoria de avaliación da actividade docente do ano 2025 ao PDIL a tempo parcial nos termos establecidos polo TS: acreditar unha actividade durante 5 anos e plenitude de dereitos salariais. E así o imos reclamar desde CCOO en todos os ámbitos.
Pero, no caso de non ser así, servirá para:
- Reforzar as demandas por conflito colectivo xa presentadas por CCOO noutras comunidades autónomas.
- Iniciar novas demandas de conflito colectivo.
- Que cada profesor/a que, tendo recoñecido un ou máis quinquenios en base a convocatorias previas, pero non perciba o complemento salarial, e/ou tivera que acreditar un período de 10 anos de actividade docente para acceder á súa avaliación, considere iniciar o proceso de reclamación individual ante a súa universidade.
Nestes casos de reclamación individual, lémbrase que:
- En caso de resposta negativa ou de non obter resposta por parte da universidade, deberase continuar o proceso de reclamación mediante demanda ante o xulgado do social, sempre tras a valoración por parte dun/ha representante legal que valore a situación concreta de cada reclamante.
- Poderían reclamarse as cantidades correspondentes ao ano previo á data de presentación do escrito inicial ante a universidade.
Carece de sentido que, ante esta sentenza, as universidades se neguen a recoñecer este dereito ao seu profesorado a tempo parcial. As sucesivas sentenzas do TS van ratificar este mesmo criterio (non esquezamos que a sentenza é do Pleno do TS).
Coa presente resolución, o TS confirma a legalidade do que desde CCOO vimos reclamando desde o primeiro momento: o dereito á avaliación da actividade docente —e as correspondentes consecuencias retributivas no caso de ser avaliado positivamente— correspóndelle a todo aquel PDI que, prestando servizos mediante contrato laboral nunha universidade pública, poida acreditar a actividade e o período temporal exixido na convocatoria (5 anos), con independencia de que a actividade docente se desenvolva a tempo completo ou parcial, de maneira indefinida ou temporal, permanente ou non permanente. A avaliación da actividade docente é un dereito de todo o PDI que poida acreditar esa docencia, independentemente do tipo de contrato que asinase. É un complemento ao traballo que realiza o PDI e non debe ser identificado como un dereito exclusivo de determinadas figuras contractuais permanentes ou en función de que a dedicación sexa a tempo completo.
A sentenza deixa clara a dobre discriminación que se exerce sobre o profesorado a tempo parcial, tanto respecto do número de anos necesarios para devengar un quinquenio, que sería o dobre que o do profesorado a tempo completo, como pola contía do complemento, que debe aboarse de maneira proporcional ao tempo traballado.
A resolución xudicial é un claro exemplo de como a acción colectiva e a defensa sindical son ferramentas indispensables para corrixir as desigualdades. CCOO, ao liderar este conflito, demostrou o seu compromiso coa equidade e coa dignidade laboral. Este sindicato non só defendeu os dereitos das persoas traballadoras, senón que contribuíu a fortalecer o modelo de universidade pública, asegurando que o mérito e a dedicación sexan recoñecidos sen importar o tipo de contrato.
Esta sentenza é un recordatorio de que a loita polos dereitos laborais e pola xustiza social segue a ser necesaria. CCOO foi motor de cambio, demostrando que, con persistencia e unidade, é posible construír un futuro máis xusto e máis equitativo para todas as persoas.
CCOO mantén o seu compromiso de traballo en defensa dos dereitos do PDI e procurará a defensa dos dereitos do colectivo e o cumprimento da legalidade para frear o marco de crecente desregulación dun sector clave para o futuro das nosas universidades.
