CCOO Ensino sempre apostou pola unidade de acción de toda a comunidade educativa

A raíz dos correos masivos enviados nos últimos días ao profesorado galego, por parte dalgunhas organizacións sindicais, demandando unidade sindical “BAIXO AS SÚAS CONDICIÓNS” e a posibilidade de iniciar o vindeiro curso cunha convocatoria de folga indefinida, desde CCOO Ensino temos moi claro o seguinte:

  • A unidade de acción de toda a comunidade educativa é o mellor instrumento para conseguir melloras no ensino galego e nas condicións de traballo das e dos seus profesionais.
  • As situacións de partida non son as mesmas en todas as comunidades autónomas. O que si é común é que alá onde se loita de forma coordinada, os resultados son mellores.
  • Sabemos perfectamente os acordos que asinamos coa Consellería de Educación, e no caso concreto do Acordo sobre medidas de mellora, que asinamos co Presidente Rueda directamente. Este Acordo inclúe cláusulas que aínda están por desenvolver, tal e como recollía o texto, mentres que outras están xudicializadas pola interpretación restrictiva que a Consellería fai da súa aplicación a través da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
  • Tan lícita é a negociación de acordos ou a defensa xudicial do cumprimento dos mesmos, como a mobilización e a loita polos dereitos nas rúas. Por este motivo, desde CCOO Ensino non descartamos ningún tipo de acción de cara ao curso que vén.
  • Negociar é unha das señas de identidade da nosa organización sindical, e tal como se vén amosando nos últimos anos, a mellor vía para ir conseguindo melloras para os distintos colectivos.
  • Por todos estes motivos, non imos retirar a sinatura do Acordo sobre medidas de mellora, xa que os avances obtidos son incuestionables. A esixencia do cumprimento do Acordo, por parte das organizacións sindicais non asinantes, é a mellor proba de que non estamos errados. Tivemos que soportar de todo por ter asinado o Acordo, mentres que algunhas organizacións “levan moitos anos sacando proveito” do que outras conseguimos.

A liña de acción sindical de CCOO Ensino pasa por estar sempre dispostas e dispostos a loitar pola mellora do ensino galego e das nosas condicións laborais, en solitario ou desde a unidade de acción, pero sen aceptar imposicións de ningún tipo.

DIÁLOGO, COORDINACIÓN E ACCIÓN!