Comeza un novo curso cunha nova baixada do alumnado: Galicia contará con 298.436 estudantes de Infantil a Bacharelato e Educación Especial, 4.617 menos que o curso pasado. Para CCOO Ensino, esta realidade demográfica non pode traducirse en menos recursos, senón nunha oportunidade para mellorar a atención educativa, reducir ratios e reforzar a inclusión e a atención á diversidade.
Os acordos acadados nos últimos anos permitiron avanzar nesta dirección, con máis recursos, melloras nos catálogos e ratios e redución do horario lectivo, que este curso chega tamén á Secundaria. O reto agora é garantir que estas medidas se apliquen realmente en todos os centros.
Persoal de Apoio Educativo
O Persoal de Apoio Educativo é imprescindible para garantir o funcionamento dos centros, a inclusión e a equidade. CCOO reclama que todas as necesidades de persoal se cubran con rapidez para evitar que a falta de efectivos afecte directamente ao alumnado.
Tras anos de reivindicación, o 21 de outubro celebrarase unha mesa específica de negociación do PAE, na que será necesario abordar a actualización das funcións, condicións laborais, recursos e criterios de dotación destes colectivos.
Ensino privado e servizos socioeducativos
O ensino concertado comeza o curso en conflito, ante a falta de resposta da Administración ás demandas de negociación. CCOO reclama a convocatoria da Mesa Tripartita, o cumprimento dos acordos pendentes e avances na homologación das condicións laborais e salariais.
Tamén é necesario dignificar as condicións laborais nas escolas infantís, centros de menores e centros de atención á discapacidade, ámbitos nos que a externalización segue asociada en moitos casos á precariedade.
Avanzar, aplicar e seguir negociando
CCOO Ensino afronta este inicio de curso cun obxectivo claro: consolidar os avances conseguidos, garantir que se apliquen realmente e continuar negociando as melloras pendentes.
A prioridade segue sendo reforzar o ensino público, mellorar a atención á diversidade, dignificar o Persoal de Apoio Educativo e conseguir avances no ensino concertado e nos sectores socioeducativos.
A baixada do alumnado non pode ser unha escusa para reducir recursos, senón unha oportunidade para mellorar a calidade e a atención educativa.
A continuación podes consultar a información detallada de cada sector:
Ensino público non universitario
1. Un inicio de curso máis tranquilo e con máis recursos
O curso comeza, en termos xerais, con menos problemas de cobertura docente que en anos anteriores, nun contexto no que Galicia segue perdendo alumnado.
A evolución dos últimos anos amosa un cambio de tendencia. Nos tres cursos anteriores á aplicación do Acordo de melloras acumuláronse 239 unidades e 334 postos de traballo menos en Infantil, Primaria e Educación Especial. Nos tres posteriores, o saldo pasa a ser de 21 unidades e 206 postos máis.
Só neste curso 2026/27 hai 18 unidades e 183 postos estruturais máis. Tamén aumenta o profesorado provisional: o CADP do corpo de Mestres alcanza as 2.588 adxudicacións, 56 máis que o curso pasado e a cifra máis alta dos últimos cinco anos.
Para CCOO Ensino, estes datos confirman unha idea fundamental: a caída demográfica non debe utilizarse para reducir recursos, senón para mellorar ratios, atención individualizada e resposta á diversidade.
2. Máis profesorado para atender a diversidade
Unha parte moi importante do incremento de recursos concéntrase precisamente na atención á diversidade.
Os cadros de persoal incorporan este curso 132 postos estruturais máis de Pedagoxía Terapéutica e 57 máis de Audición e Linguaxe. O CADP tamén aumenta nestas especialidades: 73 adxudicacións máis en PT e 44 máis en AL respecto do curso pasado.
A isto súmase o reforzo da orientación educativa. CCOO Ensino valora estes avances, pero lembra que a inclusión require recursos suficientes, estabilidade, coordinación e unha aplicación efectiva das medidas en todos os centros.
3. Acceso á función pública: cubrir as prazas e modernizar as oposicións
CCOO Ensino defende a oferta pública de emprego e a redución da temporalidade, pero advirte dun problema crecente: non abonda con convocar prazas se determinadas especialidades quedan desertas ou teñen dificultades para cubrir substitucións.
Por iso participaremos nos grupos de traballo abertos co Ministerio para avanzar cara a un sistema de acceso rigoroso, pero máis áxil, previsible e conectado coa realidade docente, con temarios actualizados, probas máis vinculadas á práctica profesional e mellores condicións de organización.
O obxectivo é que as prazas convocadas se cubran efectivamente e o sistema dispoña do profesorado que necesita.
4. Novos horarios docentes: unha mellora que debe aplicarse ben
Este curso consolídase unha das principais medidas do Acordo de melloras: a redución do horario lectivo.
En Infantil e Primaria xa están implantadas as 23 horas lectivas, mentres que este curso comezan a aplicarse as 18 sesións no resto das etapas.
Un cambio desta magnitude pode xerar dúbidas e incidencias, polo que CCOO Ensino está realizando seguimento a través da Comisión do Acordo. O obxectivo é que a redución lectiva non se traduza simplemente noutras cargas, senón en máis tempo para titorías, coordinación, desdobramentos, codocencia, atención ao alumnado e outras funcións necesarias nos centros.
5. Formación Profesional: transformación con planificación
A Formación Profesional afronta un curso especialmente complexo pola implantación da nova ordenación e polo maior peso da formación na empresa.
CCOO Ensino valora as melloras incorporadas este curso, como as novas posibilidades de asignación horaria para a formación en empresa, os reforzos nos ciclos de grao básico e o recoñecemento de funcións específicas nos CIFP.
A reorganización da oferta formativa tamén pode ser necesaria para adaptala á demanda real, pero debe realizarse con criterios obxectivos e transparentes, coa maior antelación posible e minimizando o impacto sobre alumnado, profesorado, centros e territorio.
A nova FP require, en definitiva, normativa clara, recursos suficientes, coordinación recoñecida e unha planificación que evite improvisacións e sobrecarga nos centros.
Persoal de Apoio Educativo (PAE)
O curso comeza co persoal non docente aínda en proceso de reorganización, especialmente no caso do persoal auxiliar coidador, de limpeza e de cociña.
No caso do persoal auxiliar coidador, os nomeamentos publicados o 7 de agosto fixaron tomas de posesión entre o 1 e o 15 de setembro, mentres que os publicados o 4 de setembro establecen incorporacións entre o 7 e o 22 de setembro. Isto provoca cesamentos, cambios e novas incorporacións precisamente no momento no que os centros deberían contar xa cunha organización estable.
A situación é especialmente preocupante porque este persoal é imprescindible para garantir a atención de determinado alumnado. CCOO Ensino esixe que ningún alumno ou alumna quede sen a asistencia que precisa por atrasos administrativos ou movementos de persoal.
Tamén continúan pendentes movementos en categorías como limpeza e cociña, e existen baixas por incapacidade temporal aínda sen cubrir, o que aumenta a carga de traballo e dificulta o funcionamento ordinario dos centros.
Desde CCOO Ensino reclamamos máis planificación, cobertura áxil das substitucións e que os procesos de persoal estean resoltos antes do inicio das clases, evitando que os atrasos da Administración repercutan tanto no alumnado como nas condicións laborais e de conciliación das persoas traballadoras.
O persoal non docente é parte esencial do sistema educativo e a súa incorporación e estabilidade deben estar garantidas desde o primeiro día de curso.
Ensino privado e servizos socioeducativos
O ensino concertado comeza o curso nun escenario de conflito laboral que se arrastra desde hai anos. CCOO Ensino denuncia que a Xunta mantén bloqueadas cuestións fundamentais como a recuperación da homologación salarial, o pagamento de dereitos recoñecidos no convenio e a redución dunha carga lectiva que segue sendo superior á do ensino público.
Tras máis de dezaseis anos sen resolver parte destas reivindicacións, CCOO reclama a convocatoria inmediata da Mesa Tripartita e unha negociación real entre Administración, patronais e organizacións sindicais. Ante a falta de avances, o profesorado do ensino concertado está convocado a unha folga parcial o 9 de setembro, entre as 9:00 e as 12:00 horas, acompañada de concentracións diante das delegacións territoriais da Consellería.
A situación de precariedade esténdese tamén a outros sectores financiados ou sostidos pola Xunta a través de entidades privadas, como os centros de atención á discapacidade, protección de menores e educación infantil de 0 a 3 anos.
Nestes ámbitos persisten problemas de salarios insuficientes, sobrecarga de traballo, dificultades para cubrir postos, falta de estabilidade e desigualdades nas condicións laborais. CCOO defende, entre outras medidas, avanzar na mellora salarial do sector da discapacidade, reforzar os recursos nos centros de menores e garantir que a gratuidade da educación infantil non se sosteña a costa da precariedade das traballadoras.
Para CCOO Ensino existe unha cuestión de fondo común a todos estes sectores: cando a Xunta financia, concerta ou licita un servizo público, non pode desentenderse das condicións laborais das persoas que o prestan.
Por iso reclamamos diálogo social efectivo, emprego estable, salarios dignos, persoal suficiente, cumprimento dos convenios e respecto á negociación colectiva. A calidade dos servizos educativos e sociais tamén depende das condicións nas que traballan as persoas que os sosteñen.





