Na rolda de prensa de hoxe, na que se anunciou a folga do ensino concertado deste mércores 9 de setembro, desde CCOO Ensino deixamos claro que non falamos de modelos educativos, senón de dereitos laborais, igualdade salarial e cumprimento dos acordos asinados.
Na rolda de prensa insistimos en que non existe ningunha controversia sobre modelos educativos: estamos falando de dereitos laborais e de persoas traballadoras. É sindicalismo de clase. As traballadoras e traballadores do ensino concertado son clase obreira e CCOO está para defender, sen paliativos, os seus dereitos.
Estas persoas traballan en centros financiados con fondos públicos e, no caso do persoal docente, en pagamento delegado. A Consellería de Educación non pode desentenderse da situación de agravio comparativo que padecen. A premisa sindical é clara: a igual traballo, igual salario.
E xa non falamos unicamente do bloqueo da negociación colectiva. Falamos de algo moito máis grave: do incumprimento sistemático, ano tras ano, de acordos xa pactados e asinados. Galicia é a única comunidade autónoma cun bloqueo explícito no pagamento de complementos, da paga extra de antigüidade e cunha disposición que, desde o acordo de 2008, se perpetúa ano tras ano na Lei de Orzamentos.
Mentres tanto, Rueda inaugura o curso no colexio concertado no que estudou, mentres ningunea o persoal que traballa alí, o seu alumnado e as súas familias. Véndese unha mellora da calidade educativa para o ensino galego, pero esa mellora non pode ser a dobre velocidade: o profesorado da pública pasa a 18 sesións en secundaria e 23 en primaria e infantil, mentres no concertado segue sometido ás 25 sesións lectivas.
O último exemplo deste ninguneo produciuse o pasado venres, na negociación dos servizos mínimos da folga, onde a Xunta impuxo uns servizos mínimos que nada teñen que ver cos establecidos nas seis últimas folgas do ensino público do pasado curso nin coa folga educativa convocada en 2025.
Desde CCOO Ensino tamén queremos lembrar que as persoas traballadoras non teñen a obriga de comunicar previamente a súa vontade de secundar unha folga. A folga é un dereito fundamental, e como tal debe ser respectado e garantido.
Este mércores 9, as traballadoras e traballadores do ensino concertado saen á rúa para defender os seus dereitos. CCOO estará con elas e eles.



