Acádase un acordo no seo da Conferencia Xeral de Política Universitaria que permite desbloquear o financiamento do programa María Goyri para as universidades públicas

CCOO esixe un compromiso claro das administracións públicas que garanta a estabilidade das 3.400 profesoras e profesores axudantes doutores acollidos a este programa

O venres 3 de setembro, o Pleno da Conferencia Xeral de Política Universitaria (CGPU) acordou, nunha reunión telemática, o reparto entre as comunidades autónomas dos fondos estatais destinados ao Programa María Goyri correspondentes a 2026: 149,67 millóns de euros para pagar o salario de 3.400 profesoras e profesores axudantes doutores (PAD) nas universidades públicas de toda España no marco do programa María Goyri. O acordo de distribución, que se recolle a continuación, adoptouse cos votos a favor de todas as comunidades autónomas, agás as Illas Baleares, que votou en contra.

Comunidade autónoma Custo das prazas contratadas e financiadas polo MICIU en 2026 Comunidade autónoma Custo das prazas contratadas e financiadas polo MICIU en 2026
Andalucía 21.083.400 euros Comunidade Valenciana 17.841.306 euros
Aragón 3.796.284 euros Estremadura 2.035.800 euros
Asturias 1.287.206 euros Galicia 4.235.637 euros
Illas Baleares 1.058.568 euros A Rioxa 160.435 euros
Canarias 5.437.673 euros Madrid 28.305.088 euros
Cantabria 1.131.000 euros Murcia 5.225.800 euros
Castela e León 11.080.110 euros Navarra 1.862.080 euros
Castela-A Mancha 4.229.088 euros País Vasco 6.020.960 euros
Cataluña 34.884.105 euros
TOTAL 149.674.540 euros

O uso político da universidade pública

A sinatura dun acordo para a aplicación dun programa ratificado polo MICIU e as comunidades autónomas, que debería ser algo absolutamente normal e de procedemento, converteuse en noticia pola negativa, o pasado 29 de xullo, das comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular a acudir á reunión convocada de maneira telemática no mesmo marco no que agora se aproba o acordo, a CGPU. A falta de quórum fixo imposible o acordo e obrigou as universidades públicas a financiar cos seus propios recursos o salario deste profesorado, universidades que, na maioría dos casos, subsisten nunha situación de infrafinanciamento estrutural por parte das comunidades autónomas das que dependen.

E iso a pesar de que a reunión se convocaba para ratificar o acordo xa aprobado por unanimidade na Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria e de que o Pleno tiña por obxecto iniciar o procedemento administrativo imprescindible para transferir os fondos ás comunidades autónomas, que posteriormente deben facelos chegar ás universidades públicas.

Esta actuación evidencia a falta de compromiso real de boa parte das comunidades autónomas non só co programa e cos acordos asinados, senón tamén coas súas universidades públicas. Se esta situación se volve repetir, debe terse en conta que calquera paralización do programa xera:

  • Incerteza nas universidades ao non poder planificar cun mínimo de previsión os seus cadros de persoal e a docencia que deben impartir, xa que compromete os seus recursos orzamentarios ao verse obrigadas a optar entre manter os contratos do programa cos seus propios recursos ou incrementar a temporalidade, afectando de maneira directa á prestación do servizo público universitario nunhas condicións mínimas de calidade.

    As universidades públicas necesitan estabilidade, planificación e un financiamento suficiente para desenvolver as súas políticas de persoal. As discrepancias institucionais non poden traducirse en atrasos que prexudiquen as universidades, o profesorado nin o estudantado.

  • Deixa á súa sorte miles de profesoras e profesores que foron contratados ao abeiro deste programa, que poden empezar a cuestionarse non só a viabilidade do programa, senón tamén o compromiso coa estabilidade futura das prazas que ocupan actualmente.

Para CCOO, o cumprimento íntegro dos acordos consensuados polas administracións é o piar fundamental sobre o que se sosteñen tanto a lealdade institucional como a confianza da cidadanía nas administracións públicas. Situacións como a vivida evidencian a ausencia de compromiso institucional de determinadas administracións autonómicas cos acordos ratificados por elas. Debemos esixirlles ás administracións un exercicio responsable das súas competencias e unha xestión do servizo público universitario que garanta a súa calidade e viabilidade.

CCOO defende o mantemento dun programa vital para as universidades públicas no contexto actual. Cuestionar a incorporación deste novo profesorado e a súa futura estabilización supón poñer en cuestión a necesidade do propio modelo público de universidades de calidade. Evidentemente, este tipo de programas non solucionan por si mesmos os problemas das universidades, pero son un elemento máis para garantir o futuro da universidade pública.

Por iso, CCOO esixe que as comunidades autónomas ratifiquen o seu compromiso co programa e garantan a estabilización das prazas a medida que se vaian cumprindo os criterios de acreditación requiridos, ademais de cumprir o resto de medidas e obrigas que afectan ao financiamento público das universidades e ás condicións das súas traballadoras e traballadores, para continuar avanzando no desenvolvemento do que establece a LOSU.

CCOO reclama responsabilidade institucional para garantir o financiamento das universidades públicas.

O sindicalismo de CCOO segue demostrando a súa utilidade para mellorar a vida das persoas traballadoras.

ANEXO

Que é o Programa María Goyri

O Goberno de España, a través do MICIU, puxo en marcha o Programa María Goyri para incorporar un total de 5.636 profesoras e profesores axudantes doutores ás universidades públicas do noso país de maneira progresiva ata o curso 2027/2028, un 70 % máis dos que había no curso 2023-2024. Mentres que as 3.400 prazas sufragadas polo Goberno central xa foron xestionadas, as comunidades autónomas dispoñen de prazo ata xuño de 2028 para realizar e incorporar de maneira efectiva as 2.236 prazas adicionais de cofinanciamento autonómico.

O programa supón financiar durante seis anos 3.400 prazas de PAD en toda España, que xa foron contratadas e suporán un custo global de máis de 900 millóns de euros por parte do Executivo. Ademais, este programa implica a mobilización doutras 2.236 prazas sufragadas polas comunidades autónomas cunha achega adicional de 600 millóns de euros.

Os convenios marco do Programa María Goyri foron aprobados polo Goberno e polas comunidades autónomas, así como polo Consello de Ministros, que autorizou a transferencia de 149,6 millóns de euros ao ano ás comunidades para financiar os salarios destas prazas.

Comunidade autónoma Prazas Data da sinatura
Financiadas polo Ministerio Financiadas pola comunidade autónoma Total de prazas
Cataluña 705 463 1.168 17.10.2024
Principado de Asturias 34 23 57 16.9.2024
Castela-A Mancha 96 63 159 25.9.2024
Estatal (UNED) 65 65
Comunidade Foral de Navarra 46 30 76 4.11.2024
Canarias 113 75 188 6.11.2024
Aragón 94 62 156 13.11.2024
A Rioxa 5 4 9 18.11.2024
Comunidade Valenciana 426 281 707 18.11.2024
Cantabria 29 19 48 19.11.2024
Andalucía 468 306 774 20.11.2024
Estremadura 54 35 89 21.11.2024
Rexión de Murcia 116 76 192 26.11.2024
Illas Baleares 28 18 46 27.11.2024
Galicia 101 65 166 27.11.2024
Castela e León 269 176 445 5.12.2024
Madrid 656 435 1.091 12.12.2024
País Vasco 121 79 200 3.12.2024
TOTAL CC. AA. 3.361 2.235 5.436
UNED 39 26 65 1.10.2024
TOTAL 3.400 2.236 5.636

O obxectivo é que, ao finalizar o período de seis anos de contratación como PAD, o profesorado dispoña das acreditacións necesarias para concursar a prazas estables de persoal funcionario (profesor/a titular) ou de persoal laboral fixo (profesor/a permanente laboral), garantindo que o esforzo de rexuvenecemento dos cadros de persoal non sexa temporal, senón estrutural.