
A xornada de folga do ensino concertado galego demostrou hoxe, con claridade, que as traballadoras e traballadores estamos unidas, mobilizadas e decididas a defender os nosos dereitos.
O seguimento da folga acadou máis dun 60 %, un dato que valoramos moi positivamente e que evidencia o profundo malestar existente no sector ante o bloqueo da negociación e os continuos desprezos da Xunta de Galicia e da Consellería de Educación. Cómpre destacar especialmente a participación masiva nesta xornada de folga, malia os servizos mínimos abusivos impostos pola Consellería de Educación, que dificultaron de maneira evidente o exercicio efectivo do dereito á folga. Estes servizos mínimos supoñen, ademais, un agravio comparativo inaceptable respecto dos que esta mesma Consellería aplica nas folgas convocadas no ensino público, evidenciando un trato desigual que non podemos nin imos aceptar.
A mobilización trasladouse tamén ás rúas das principais cidades galegas, onde milleiros de traballadores e traballadoras participaron nas concentracións convocadas.
Queremos destacar especialmente a multitudinaria concentración de Vigo, que foi unha clara demostración da forza, da unidade e da capacidade de mobilización das persoas traballadoras do ensino concertado galego.
Isto é só o comezo
As seis organizacións sindicais queremos lanzar hoxe unha mensaxe clara e contundente á Xunta de Galicia e á Consellería de Educación: non imos consentir máis desprezos.
Non imos aceptar máis bloqueos, máis silencios nin máis falta de respecto cara ás persoas traballadoras do ensino concertado. Levamos demasiado tempo reclamando avances nas nosas condicións salariais e laborais e esixindo que se cumpra o acordado.
Advertimos á Xunta e á Consellería de Educación de que estamos ante o inicio dun curso que se presenta complicado se continúan bloqueando o diálogo social e a negociación colectiva. Se deciden seguir ignorando as demandas das traballadoras e traballadores, atoparán diante un sector unido, organizado e disposto a continuar loitando.
O ensino concertado forma parte esencial do sistema educativo galego. As súas profesionais e os seus profesionais representan preto do 30 % do ensino galego, e desenvolven cada día un labor imprescindible nos nosos centros.
Por iso, non aceptamos ser profesionais de segunda. Esiximos respecto, diálogo, negociación e unhas condicións salariais e laborais dignas.
Grazas por esta demostración de unidade
As seis organizacións sindicais queremos trasladar o noso agradecemento a todas as compañeiras e compañeiros que secundaron a folga, participaron nas concentracións e fixeron posible esta xornada de mobilización.
E queremos deixar hoxe un compromiso claro: FSIE, UGT, CCOO Ensino, FeUSO, SNEP e CIG imos continuar loitando, xuntas, pola dignificación das condicións salariais e laborais de todas e todos os profesionais do ensino concertado galego.
Esta mobilización non remata hoxe: mañá mesmo comeza unha nova etapa de loita.
A Xunta e a Consellería de Educación teñen que decidir se queren escoitar, dialogar e negociar ou se prefiren continuar bloqueando o diálogo social e afondando no conflito.
Nós témolo claro:
Non imos parar ata conseguir respecto, diálogo, cumprimento dos acordos e unhas condicións laborais e salariais dignas para todas e todos.
POLAS XUSTAS E LEXÍTIMAS REIVINDICACIÓNS DO PERSOAL DO ENSINO CONCERTADO












