Toda a información da Mesa Sectorial do 26 de maio de 2026

No día de hoxe, 26 de maio de 2026, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.

Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

1. Aprobación, se procede, de actas anteriores

Queda aprobadas a acta do 13 de maio de 2026.

2. Anteproxecto da Lei de Educación Dixital

Posto que debemos presentar en poucos días emendas concretas e perfectamente detalladas a este anteproxecto de Lei para o seu paso polo Consello Escolar de Galicia, limitarémonos a facer unha exposición resumida das alegacións que presentaremos a este órgano.

Desde CCOO Ensino compartimos a necesidade de ordenar a educación dixital no sistema educativo galego, mais consideramos imprescindible que esta regulación se faga con garantías reais, medios suficientes e sen trasladar novas cargas aos centros, ao profesorado, ao alumnado ou ás familias.

A nosa posición é clara: educación dixital si, pero non dixitalización obrigatoria, acrítica, burocrática ou sen recursos. A tecnoloxía debe estar ao servizo da educación, non substituír a presencialidade, a relación pedagóxica, a autonomía docente nin as metodoloxías analóxicas, manipulativas ou sociais cando sexan as máis axeitadas.

Exposición de motivos

Na Exposición de motivos botamos en falta unha diagnose máis equilibrada da dixitalización educativa en Galicia. O texto presenta programas como Abalar, E-Dixgal ou a Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 cun ton excesivamente positivo, sen unha avaliación pública, transparente e participada do seu impacto real nos centros.

Para nós, a lei debe partir desa avaliación: impacto na equidade, calidade educativa, carga de traballo do profesorado, accesibilidade, protección de datos, calidade dos materiais e funcionamento técnico das plataformas.

Tamén propoñemos incorporar desde o inicio tres garantías xerais: alternativas non dixitais cando sexan necesarias ou pedagoxicamente xustificadas, dotación pública suficiente de medios técnicos, humanos e materiais, e garantía de que a dixitalización non incremente a burocracia docente.


Título preliminar. Disposicións xerais e principios xerais

Valoramos positivamente principios como equidade, inclusión, accesibilidade, gradualidade, protección de datos, benestar dixital, lingua galega, sostibilidade e fundamentación científica. Pero estes principios deben converterse en garantías concretas.

Por iso propoñemos que a lei recolla expresamente a dotación suficiente de medios técnicos, materiais e humanos, así como a simplificación administrativa real. A dixitalización debe reducir burocracia, non crear novos plans, rexistros, informes ou comunicacións duplicadas.

Tamén defendemos que calquera actividade obrigatoria ou avaliable que requira dispositivos, licenzas, plataformas ou conectividade debe ser gratuíta para o alumnado e para as familias.

En materia pedagóxica, a dixitalización non pode impoñer unha metodoloxía única nin substituír prácticas presenciais, analóxicas ou manipulativas. Cómpre garantir a autonomía pedagóxica dos centros e a liberdade de cátedra do profesorado.

Título I. Dereitos e deberes do alumnado en materia de educación dixital

Valoramos que se recoñezan dereitos do alumnado en materia de competencia dixital, igualdade de oportunidades, protección de datos, dignidade, desconexión dixital e atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Pero o dereito á educación dixital non debe converterse nunha obriga uniforme de exposición dixital. Deben existir alternativas non dixitais cando sexan necesarias por idade, madurez, saúde, accesibilidade, benestar dixital, necesidades específicas ou decisión motivada das familias.

Tamén reclamamos gratuidade efectiva dos recursos dixitais necesarios para actividades obrigatorias ou avaliables. Ningún alumno ou alumna pode ser penalizado por non ter dispositivo, conexión, licenza ou competencia dixital familiar suficiente.

En protección de datos, pedimos eliminar calquera posibilidade de uso de imaxes, voz ou datos persoais do alumnado en redes, contas persoais ou servizos non institucionais. Todo tratamento debe facerse por canles institucionais autorizadas e con garantías.


Título II. Dereitos e deberes do profesorado en materia de educación dixital

Este título é central desde a perspectiva sindical. Recoñece dereitos do profesorado, pero tamén introduce deberes e responsabilidades que poden incrementar a carga laboral e burocrática.

O dereito a medios dixitais non pode quedar condicionado á dispoñibilidade orzamentaria. Se se esixe dixitalización, a Administración debe garantir equipamentos, conectividade, ferramentas, mantemento e soporte técnico. A actividade docente non pode depender de dispositivos, contas ou conexións persoais.

Tamén propoñemos reforzar o dereito á desconexión dixital. O profesorado non debe ter obriga de atender comunicacións ou incidencias fóra da súa xornada, salvo urxencias reais, reguladas e xustificadas.

A integración das tecnoloxías debe depender do criterio pedagóxico, da autonomía profesional, da existencia de medios, da formación suficiente e das garantías de protección de datos. Non pode ser unha imposición metodolóxica.

En formación, calquera acción obrigatoria debe ser gratuíta, recoñecida, preferentemente dentro da xornada laboral e negociada cando afecte ás condicións de traballo.

Sobre o artigo 29, pedimos eliminar a posibilidade de introducir probas prácticas ou apartados específicos nos procesos selectivos para valorar a competencia dixital, porque podería entrar en conflito co marco básico estatal. Tamén pedimos eliminar a posibilidade de esixir un nivel mínimo de competencia dixital para determinados postos, xa que esta competencia xa se valora como mérito nos concursos xerais de traslados e non debe converterse nun requisito excluínte.

Tamén reclamamos limitar a responsabilidade do profesorado na xestión de datos ao ámbito das súas funcións docentes, reforzar o apoio aos equipos directivos e prohibir que as gravacións se utilicen con fins de control laboral ou avaliación do desempeño. No caso das probas virtuais, propoñemos eliminar a habilitación xeral da monitorización biométrica.


Título III. Os centros educativos na educación dixital

Neste título vemos un risco claro de trasladar aos centros responsabilidades que dependen da Administración. A lei atribúe obrigas de planificación, organización, seguridade, inclusión e avaliación dixital, pero debe quedar claro que só poden exercerse cos medios realmente dispoñibles.

No uso de móbiles e dispositivos persoais, defendemos que as actividades pedagóxicas se realicen preferentemente con dispositivos do centro ou facilitados pola Administración. Non se pode esixir ás familias a achega de dispositivos nin penalizar a quen non dispoña deles.

O Plan Dixital de Centro debe elaborarse con modelos sinxelos, proporcionados e comúns, evitando duplicidades con outros documentos. A súa elaboración e avaliación non pode supoñer máis burocracia sen dotación horaria e apoio técnico.

A coordinación dixital debe contar con redución horaria, formación, recoñecemento e apoio técnico especializado. Non pode converterse nunha tarefa informal de mantemento, reparación de equipos ou administración de sistemas.


Título IV. Participación e responsabilidades das familias na educación dixital

Compartimos a importancia de implicar as familias, pero hai que evitar trasladarlles responsabilidades excesivas ou excluír aquelas con menos medios ou competencia dixital.

Nos dispositivos cedidos, debe diferenciarse o mal uso acreditado dos danos por desgaste, defectos técnicos, obsolescencia ou fallos de mantemento. A reparación ou reposición só debería esixirse en casos de neglixencia grave ou actuación maliciosa debidamente acreditada.

Tamén propoñemos ordenar as comunicacións dixitais coas familias para evitar respostas inmediatas, comunicacións ordinarias fóra de horario ou dependencia exclusiva de canles dixitais. Deben existir vías alternativas para familias con dificultades de acceso ou competencia dixital.

A formación das familias debe ser planificada e dotada pola Administración, non recaer sobre profesorado ou equipos directivos sen tempo e recursos.


Título V. A educación dixital nos diferentes niveis do sistema educativo

Este título debe garantir unha dixitalización gradual, adaptada á idade, á madurez e á etapa educativa.

En infantil, defendemos que non se promova o uso individual ordinario de dispositivos dixitais. Calquera contacto coas TIC debe ser puntual, supervisado e subordinado ao xogo, á interacción social, á linguaxe oral, á motricidade e á aprendizaxe manipulativa.

En primaria, propoñemos limitar responsabilidades docentes excesivas na detección e comunicación de sinais de alarma sobre usos indebidos das TIC. Debe haber protocolos, apoio da orientación e límites claros.

En bacharelato, pedimos modificar a expresión que fala da “extensión do concepto de aula no tempo e no espazo”, porque pode interpretarse como dispoñibilidade permanente. Debe respectarse o dereito á desconexión.

Na FP, a incorporación tecnolóxica debe garantir equipamentos, software, licenzas, conectividade, mantemento e seguridade laboral. E na educación de adultos deben manterse alternativas presenciais ou non dixitais cando sexan necesarias.


Título VI. O uso da Intelixencia Artificial no ámbito educativo galego

A IA require unha regulación especialmente garantista. Pode ter usos de apoio, pero tamén riscos importantes: protección de datos, nesgos, perfilado, automatización de decisións, control laboral e incremento de carga docente.

Propoñemos que a guía sobre IA sexa pública, accesible, actualizada e elaborada con participación da comunidade educativa, representación legal do persoal e persoas expertas independentes.

Antes de implantar calquera sistema de IA debe existir avaliación previa da súa finalidade, necesidade, proporcionalidade, seguridade, accesibilidade, impacto en protección de datos, posibles nesgos e repercusión sobre a carga de traballo.

A IA só pode ser apoio auxiliar na avaliación, sempre con revisión e validación expresa do profesorado. Non debe substituír a atención docente nin xerar dispoñibilidade permanente.

Pedimos prohibir expresamente o uso da IA para control automatizado da actividade docente, avaliación do desempeño, medición de produtividade, análise emocional ou conductual, predición individualizada de condutas ou clasificacións de risco social ou educativo.


Título VII. Da gobernanza dixital do sistema educativo galego

Este título é decisivo para evitar unha dixitalización opaca, baseada na acumulación de datos, automatización e incremento burocrático.

No rexistro de datos, propoñemos delimitar as obrigas do persoal ao ámbito das súas funcións. A responsabilidade estrutural sobre seguridade, interoperabilidade, conservación e funcionamento dos sistemas debe corresponder á Administración.

A simplificación e automatización documental debe eliminar trámites existentes, non engadir novas obrigas. Antes de implantar novos procedementos dixitais debe avaliarse o seu impacto na carga de traballo dos centros e do profesorado.

En materia de datos, reclamamos finalidade determinada, minimización, anonimización ou pseudonimización, avaliación de impacto e supervisión humana. Non deben permitirse perfís individualizados estigmatizantes nin decisións automatizadas con efectos académicos ou sociais.

A Comisión técnica de asesoramento debe ser permanente, plural, transparente e con participación da comunidade educativa e das organizacións sindicais cando existan impactos laborais.

A Estratexia Galega de Educación Dixital debe incluír memoria económica, calendario, indicadores públicos, avaliación e participación. As medidas que impliquen novas funcións, formación obrigatoria ou incremento de carga deben ser negociadas.


Resumo

En resumo, CCOO Ensino defendemos unha lei de educación dixital útil, garantista e viable: con dereitos para alumnado e familias, respecto á autonomía profesional do profesorado, medios suficientes para os centros, protección de datos, participación real e negociación cando haxa impacto laboral.

Non cuestionamos a necesidade de regular a educación dixital. O que cuestionamos é unha dixitalización que poida converterse en máis burocracia, máis responsabilidade individual, máis dependencia tecnolóxica ou máis desigualdade.

A educación dixital debe mellorar a educación pública, non substituír a presencialidade nin cargar nos centros, no profesorado e nas familias responsabilidades que debe asumir a Administración.

  • Respecto da terminoloxía alternativa a TIC, pode ser perfectamente debatible, mais esta é a que se utiliza actualmente na normativa europea e considérana correcta.
  • Na exposición de motivos, ao mencionar o proxecto E-Dixgal consideran que se fai un resumo da evolución da dixitalización no sector educativo. Evidentemente non todo o profesorado está contento e é comprensible, xa que existe un grao de voluntariedade metodolóxica tanto dos centros como do propio profesorado no momento en que participan nestes proxectos.
  • Garantías de medios e de aportación económica: hai moitas leis a nivel estatal que non traen memoria económica, non será o que ocorra en Galicia xa que sempre se acompañan desa dotación de recursos.
  • Garantía de medios: evidentemente debe dotarse axeitadamente ao alumnado, ao profesorado e aos centros, tal e como se está facendo gradualmente nos últimos anos.
  • Redución de burocracia: hai un artigo específico e somos conscientes de que a reorganización deberá
  • A xornada laboral do profesorado ten a súa parte de horario lectivo, e fóra desta especificación tamén está suxieo ao determinado no EBEP.
  • Respecto ao galego consideran que se garanten os recursos necesarios e mesmo a través do CIEDIX se desenvolven novos materiais na nosa lingua.
  • A redacción e a técnica normativa está avalada pola Asesoría Xurídica da Consellería.
  • En canto a garantir medios, independentemente da palabra empregada nos distintos artigos, a intención é evidentemente dotar dos medios necesarios para implantar esta lei.
  • No artigo 20 están abertos a mellorar a redacción para que quede máis claro o concepto de desconexión dixital do alumnado.
  • Respecto ao correo, realizarase a través da AMTEGA, que será a que se encargue. No caso de que haxa motivación legal, podería terse acceso a ese correo xa que é de uso NON privado.
  • Dentro do horario laboral do profesorado ten cabida a formación obrigatoria.
  • Apoio institucional e autoridade pública: xa se anunciou a posta en funcionamento dunha Oficina de Apoio ao Profesorado.
  • Respecto ás funcións do profesorado, a intención da lei non é poñer máis cargas no colectivo docente, senón ordenar numerosos procesos que deben ser garantistas. O que lle corresponda ao docente será o propio da súa función docente, ao igual que aos equipos directivos ou da inspección educativa o que lles corresponda ás súas.
  • No artigo 29, están abertos a revisar a redacción. Non pretenden saltarse a normativa básica, senón regular a posibilidade de esixir unha competencia mínima.
  • No artigo 33, están abertos a recoller as alegacións recibidas, por exemplo, para as actividades físicas.
  • En canto á validación biométrica, insisten en que está autorizado a nivel de lexislación europea e estatal para a realización de probas a distancia.
  • Na organización dos centros; os centros dispoñen dun cadro de persoal e de figuras de coordinacións que recibirán apoios para protocolos, uso de novas ferramentas e estará aberto a que se fagan achegas desde a comunidade educativa, incluídos os sindicatos.
  • Non se pretende poñer “novos deberes”, senón de buscar a simplificación administrativa con todas as garantías.
  • Non se fai unha especificación da formación para os equipos de orientación, senón que se abarca de xeito global para todas as persoas afectadas por esta lei.
  • Non comparten a frase de que “o labor do docente é só ensinar”. Unha persoa docente manexa datos sensibles e ten o seu grao de responsabilidade no tratamento dos mesmos.
  • Sobre a redacción da estratexia redactada a futuro, pois obviamente, xa que ten un período de aplicación de varios anos.
  • Os prazos relacionados coa Lei serán os propios destes procesos, contan que entre en vigor a finais de ano ou comezos de 2027.
  • É unha lei educativa, non tecnolóxica, con visión de futuro.
  • Non se adapta a libertade de cátedra nin metodolóxica, simplemente a adapta á realidade.
  • Tampouco se modifica o concepto da neutralidade ideolóxica
  • O espírito da lei é precisamente esa equidade e as alternativas para quen non teña medios que se mencionou en diversas intervencións.
  • Un dos puntos claves da Lei non é responsabilizar ás familias senón corresponsabilizalas a través da colaboración cos centros educativos, o apoio, a titorización e a formación específica que xa se está desenvolvendo.
  • Respecto da guía de IA, comparten o que se manifestou sobre a apertura da mesma, a recollida de achegas para a súa mellora e debe ser absolutamente garantista. 
  • A IA sempre vai ser auxiliar e non vai a substituír ás persoas.
  • Non hai novas obrigas a nivel técnico do profesorado no relacionado coa infraestrutura.
  • O alcance da lei é para todos os centros sostidos con fondos públicos e servirá tamén para aproveitar determinados elementos  da mesma nos centros privados.

3. Convocatoria de licenzas por formación

  • Debemos comenzar a nosa intervención amosando o noso frontal rexeitamento como fixemos o ano pasado a este borrador, xa que consagra por segundo ano consecutivo a eliminación das licenzas por formación de carácter retribuído. Certo que non respondían ao modelo de licenza por formación polas que avogamos desde CCOO, xa que realmente tratábanse de licenzas para a realización de materiais curriculares, pero a pretensión que ten a Consellería con esta orde, como xa fixo o ano pasado, é que se sigan solicitando pero a custo cero, e iso resulta totalmente inaceptable ao noso parecer. 

  • Esiximos, polo tanto, a recuperación do carácter retribuído das mesmas, e que se aproveite o borrador actual para recuperar as licenzas de formación que existían anteriormente. É dicir, verdadeiras licenzas formativas, co obxectivo de mellorar a formación do profesorado permitindo unha maior cualificación académica e profesional.

  • Non entedemos tampouco que se estableza un límite de 96 meses (80 para a modalidade de estudos e 16 para a modalidade de materiais), cando son licenzas non retribuidas. Semella especialmente irrisorio o límite da submodalidade 2 de só 16 meses.
  • Non compartimos que se supedite a concesión das licenzas co visto e prace da administración en función das necesidades do servizo.
  • Na base 5ª non se recolle o prazo de entrega de solicitudes, nin tan sequera cantos días hábiles.
  • Non estamos de acordo coas incompatibilidades que se recollen no apartado 11º, xa que se as licenzas non son retribuídas, entendemos que poderían complementarse con estadías formativas ou participación en programas europeos, por citar dous casos, dentro do mesmo curso. ACEPTADO
  • Non entedemos tampouco que se recolla na base 11 que as persoas seleccionadas deben comunicarlle que foron seleccionadas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, cando esta é unha orde asinada pola propia  Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. É dicir, avisar urxentemente a quen me concedeu a licenza informándolle que ma concedeu. 


En consecuencia, con todo o apuntado, solicitamos a retirada deste borrador e que pase por Mesa Sectorial unha orde que integre tanto modalidades retribuídas como non retribuídas, que neste último caso debe figurar mención no texto da orde, tanto no preámbulo como no articulado, ao Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado, asinado polas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSI, e polo cal se recuperaron e se regulan desde a sinatura do Acordo as licenzas por formación non retribuídas.

  • Cambiarán as datas de inicio e de fin para adaptalas ás da convocatoria do curso pasado.
  • Comprométense a axilizar a convocatoria o máximo posible para así poder sacar prazas no CADP
  • Non eliminan a supeditación ás “necesidades do servizo” posto que por norma xeral non hai problema, pero existen determinadas especialidades de moi difícil cobertura.
  • Permitirán solicitar licenzas por formación a aquelas persoas que leven dous anos sen estar traballando.

4. Resolución de horarios

Desde CCOO e o resto de organizacións asinantes do Acordo sobre Medidas de Mellora, valoramos positivamente que a Administración recollese no novo borrador a práctica totalidade das achegas que fixemos na mesa do pasado 13 de maio (ver intervención na Mesa Sectorial do 13 de maio).

Pero seguimos esixindo as seguintes cuestións para mellorar o texto:

  • 1 sesión de titoría para atención de nais, pais, representantes legais e alumnado. No caso de que non existan citas previamente concertadas na semana, a dirección do centro poderá, por necesidades do servizo (en vez de asignará), asignar ao profesorado a realización doutras funcións non lectivas durante ese período.

  • Solicitamos a eliminación do parágrafo relativo ao cómputo semanal das gardas. A maioría dos centros, en función das súas dispoñibilidades horarias, están computando na actualidade as gardas ben como unha garda por sesión —no caso das gardas de clase—, ben como dúas gardas equivalentes a unha sesión —no caso das gardas de recreo ou transporte—, sen maior problema.
    Por iso, consideramos que esta frase vai crear un problema que actualmente non existía, xa que podería darse a situación paradóxica de que, se as gardas de transporte duran 12 minutos ou menos, con esta redacción as cinco gardas de inicio das actividades lectivas de toda a semana computasen como unha sesión e as cinco de saída como outra sesión.
    En definitiva, consideramos que sería crear un problema onde non o hai actualmente.

  • No que respecta á redución horaria da xefatura de departamento, no caso dos departamentos unipersoais, volvemos solicitar que debería incluírse unha redución lectiva cando se trate de departamentos con moitas horas lectivas e con moito alumnado.
    Non é o mesmo unha redución complementaria fixa para unha xefatura de departamento que conte con poucas horas lectivas que para outros departamentos que, aínda sendo unipersoais, teñen unha maior carga lectiva de clases e atenden máis alumnado.

  • No caso dos departamentos de maior tamaño, habería que incluír unha maior redución “tanto do horario lectivo como do horario complementario fixo” asignado a este tipo de departamentos.

  • Nos apartados Terceiro.3 e Terceiro.4 entendemos que debería tentar evitarse que unha mesma persoa desempeñe varias responsabilidades, pero haberá numerosos casos onde isto non sexa posible, sobre todo entre a titoría e as diversas coordinacións de cada centro.
    Por este motivo, consideramos que debe quedar absolutamente claro que as dedicacións horarias establecidas neste documento serán acumulables no caso de que unha persoa deba desempeñar de xeito simultáneo máis dunha das seguintes funcións: titoría dun grupo, xefatura dun departamento, coordinación, programas ou responsabilidades organizativas.
    Cremos que aínda resultando obvio que as dedicacións horarias deben ser para quen desempeña o traballo na realidade, convén que quede perfectamente especificado para evitar diverxencias na interpretación deste asunto.

  • En canto á dedicación horaria para a persoa cordinadora de convivencia e benestar, solicitamos polo menos dúas horas lectivas e dúas complementarias fixas (ou máis), para poder desempeñar a totalidade de funcións que establece a orde que recolle esta figura.
  • En canto a profesorado que participa en seccións bilingües solicitamos que polo menos conten cunha dedicación dunha sesión complementaria fixa por cada materia ou módulo que impartan na sección bilingüe.

  • Solicitamos que se actualicen as certificacións emitidas para as persoas que exercen a responsabilidade de programas internacionais en IES como “coordinadoras de programas internacionais” e que estas persoas conten coa mesma dedicación horaria que corresponde á coordinación correspondente.
    Adicionalmente, dado que en numerosos centros a responsabilidade destes programas está repartida entre varias persoas, solicitamos que se inclúa un apartado similar ao dos equipos TIC, por exemplo, é dicir:
    Poderá designarse profesorado colaborador como equipo de programas internacionais con asignación de sesións complementarias fixas.

  • Faltaría incluír outras coordinacións, como por exemplo a de Plan Dixital, naqueles centros que aínda manteñan esta figura, xa que aos centros trasmitíuselle desde o inicio do Plan Dixital que era un plan anual que había que facer cada ano con novos obxectivos adaptados á realidade do centro.

  • Solicitamos incluír a coordinación de formación, que debería ter polo menos unha sesión lectiva de redución e complementarias fixas segundo necesidades do centro.

  • Solicitamos tamén a inclusión entre as reducións horarias do Coordinador/a do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables.

  • No apartado 4 seguimos considerando que en ciclos de FP, sobre todo en FP Básica, que se debería respectar a singularidade desta etapa en canto a redución horaria das titorías, considerando ademais que na Orde de desenvolvemento de ROC dos IES recollíase a “posibilidade de ata tres horas de redución”.
  • O corpo de Primaria non está abandonado, recóllense aquí os cambios que houbo no seu horario xa hai dous anos. É certo que non se está abordando neste momento a dedicación dos equipos directivos ou das coordinacións en Primaria, haberá tempo de facelo.
  • A Consellería considera que foi “moi xenerosa” permitindo compensar as sesións complementarias fixas para quen exceda das 18 sesións lectivas. Pódense seguir realizando esas titorías a alumnado e familias dentro das sesións complementarias non fixas, tal e como xa viña recollido na normativa anterior.
  • Xefaturas de Estudos de Adultos; non se entrou a regular nada neste sentido para os IES, si para os CPI. A Xefatura de Estudos de Adultos nos IES irá regulada polo recadro específico para estes centros.
  • Resulta lóxico referenciar a normativa pola que se determina a categorización dos centros para que quede claro.
  • Son conscientes da casuística de Formación Profesional e por iso se inclúe unha cláusula para dotar de flexibilidade a asignación de dedicacións.
  • Respecto ás gardas, ofrécense a retirar este parágrafo provisionalmente ata poder incluílo na normativa definitiva que se faga en forma de Orde e substitúa as ordes anteriores.
  • Non ven xustificada a petición de incremento de sesións de dedicación para as xefaturas de departamentos.
  • En canto á acumulación de dedicacións, ábrense a modificar esta cuestión.
  • Aceptan garantir 2+2 sesións complementarias fixas (como mínimo) para a coordinación de benestar e convivencia.
  • Estudarán se dotar ou non a quen imparta seccións bilingües de  dedicación en forma de horas complementarias fixas.
  • Os responsables de programas internacionais deben desaparecer do XADE e terán que ser coordinador.
  • Non van recoller na resolución a dotación de horas complementarias fixas para persoas dun “equipo de programas internacionais”, aínda que entenden que os equipos directivos son libres de organizar como estimen esas sesións complementarias fixas sempre e cando se cubran os cadros de garda.

5. Orde pola que se establece o calendario escolar para o curso 2026-2027

  • Valoramos positivamente que a Administración aceptara a enmenda que presentamos CCOO e o resto de organizacións da Mesa Sectorial de que había que establecer un día non lectivo máis no calendario escolar do curso que vén, entre cuxas posibilidades que dabamos, estaba o propio 7 de xaneiro.
    Desta forma e como parece posible, o 19 de marzo sexa festivo autonómico finalmente, teríamos por primeira vez en catro anos un calendario escolar que respetara o mínimo de 175 días hábiles que recolle a LOMLOE.

  • Tamén valoramos que a Administración recapacitara e non acometera a derrogación por completo da Orde do 17 de xullo de 2007 que establece a percepción do complemento de ación titorial así como funcións dos persoas coordinadoras/dinamizadoras de TIC, bibliotecas ou programas internacionais.

  • Seguimos reclamando, porén, como xa fixemos na Mesa do pasado 13 de maio, as propostas seguintes:
    • Ampliación do período de incorporación gradual do alumnado de cuarto de infantil. No borrador actual só se extendería cinco días hábiles, ata o 15 de setembro. Entendemos que se está a incumplir a Orde do 30 de maio de 2023 que establece a ordenación e currículo de Educación Infantil que recolle a posibilidade de extensión durante a totalidade do mes de setembro de tal periodo deixando á autonomía dos centros docentes en función das características do seu alumnado a fixación dunha extensión inferior. Solicitamos que se incorpore ao borrador  tal medida da Orde do 30 de maio de 2023 xa que o período de adaptación faise en beneficio do alumnado e nunca debe supeditarse a cuestións de conciliación familiar nin intereses corporativos. Tanto o profesorado como as familias deben estar supeditados na toma de decisións ás necesidades e benestar do alumnado.

 

  • Incorporar un novo apartado 1.c na Disposición transitoria única. Aplicación transitoria para aquelas ensinanzas nas que non hai cambios nas funcións de coordinación, programas e responsabilidades organizativas.
    c) O profesorado dos centros de ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas que desempeñe algunha das funcións de coordinación, programas e responsabilidades organizativas previstas no punto terceiro.4. 

  • Que se incorporen no anexo de conmemoracións, as seguintes: 
    • Día da Clase Obreira Galega (10 de marzo)
    • Día da memoria democrática (31 de outubro)
    • Celebracións internacionais referidas ao recoñecemento efectivo dos dereitos LGBTIQA+, e non deixalo de modo xenérico o que favorece a invisibilización.
      • 15 de marzo – Día da Visibilidade Transexual
      • 26 de abril – Día da visibilidade lésbica
      • 17 de maio – Dia internacional contra a LGTBI-fobia… todos eles en tempo lectivo.
  • Actualmente son 176 días lectivos para o curso 26-27, que en función de se finalmente o 19 de marzo de 2027 é día festivo ou non, poderían quedar en 175 días lectivos.

6. Proposta de modificación dos catálogos de postos de traballo de Educación Infantil e Educación Primaria

Rexeitamos ter recibido o texto de proposta na propia Mesa Sectorial, máis tendo en conta que esta medida xa pasou polo Consello da Xunta e considerando que o Acordo de Catálogos foi asinado por máis organizacións sindicais que a día de hoxe non teñen representación na Mesa Sectorial.
Por iso solicitamos que se convoque coa debida antelación a todas as organizacións asinantes do Acordo de Catálogos de 2007 a unha xuntanza na que se traslade a proposta nese momento, co fin de que todas poidamos facer achegas e alegacións á mesma.

Ante a negativa da Consellería tanto a convocar unha nova Mesa Sectorial como outra reunión específica por este asunto, solicitamos un receso para poder contactar con CSIF e, tal como vimos facendo no marco do Acordo sobre Medidas de Mellora, trasladar unha posición conxunta das catro organizacións sindicais asinantes dese Acordo.

Tralo receso, trasladamos a seguinte contraproposta conxunta de CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF:

  • Solicitamos que no punto 1, a asignación do segundo PT se faga para todos os centros entre 9 e 17 unidades de Primaria.
  • Solicitamos que no punto 3, a asignación do primeiro AL se faga desde 9 unidades de infantil e primaria, é dicir, pedimos que todo centro completo de infantil e primaria teña un AL definitivo no seu cadro de persoal.
  • Recollen as achegas feitas polos realizadas, comunicarase a CSIF o documento presentado nesta Mesa e solicitan que a CIG faga as súas aportacións o antes posible para poder abordar a actualización dos catálogos.

7. Rolda final de intervencións

  • Tras esixilo en múltiples ocasións, esta será a última Mesa na que solicitamos a constitución e reunión dos comités de seguridade e saúde laboral provinciais que faltan por constituír e reunír regularmente (todos agás o de Ourense), polo que de non facelo nos próximos días interporemos a correspondente denuncia ante a Inspección de Traballo. O mesmo en canto á convocatoria do Comité Intercentros, que leva máis dun ano sen convocarse.

  • Solicitamos información sobre cando se publicarán as presidencias dos tribunais de oposición e se publicará en DOG a súa composición iniciando o seu proceso de constitución, xa que queda menos dun mes para o inicio das probas.

  • Solicitamos reunión da comisión negociadora do Plan de Igualdade para seguir avanzando na redacción do protocolo de acosos así como en medidas concretas do propio plan.

  • Solicitamos que tras a negociación das modificacións do Acordo de Catálogos e da presentación do Plan de Atención á Diversidade, se acometa a convocatoria do concurso de atención preferente para aquelas necesidades non contempladas polas anteriores, por ser coxunturais e puntuais nalgún centro que non poidan ser atendidas por outro persoal docente de atención á diversidade, e que poidan aconsellar a continuidade do mesmo docente durante o proceso de escolarización do alumnado durante a etapa educativa.

  • Solicitamos información sobre cando ten previsto a Administración sacar a Orde de desenvolvemento do Decreto de Fomación.
  • Trasladarán á DX correspondente as peticións sobre Formación Profesional.
  • As condicións de traballo para o persoal da Consellería de Educación que están en centros de capacitación agraria deben ser exactamente as mesmas que as que se dan noutros tipos de centros.
  • Convocatoria de prazas de convenio, a semana pasada había só dúas prazas polo que en principio descartan convocalas.
  • Contan con convocar reunión para tratar os protocolos de acosos na vindeira semana se teñen lista a última versión dos documentos.
  • Asesorías da rede de formación, non teñen claro se as convocarán ou non xa que din ter a orde sen rematar de redactar pero, en caso de ir moi apurados de prazo, valorarán a posibilidade de prorrogar as prazas deste ano e convocalas o curso que vén.
  • Pretenden sacar o 99% das prazas a xornada completa a CADP (as medias xornadas non van a CADP).