Análise xurídica da sentenza do Tribunal Supremo sobre abuso de temporalidade no persoal laboral

Tras coñecerse a STS 475/2026, do 11 de maio, os servizos xurídicos de CCOO analizaron con máis detalle o seu alcance.

Ante as consultas que estamos recibindo, aclaramos o máis importante:

Este tema non afecta ao persoal funcionario interino nin a todo o persoal temporal.

Afecta ao persoal laboral temporal ou indefinido non fixo das administracións públicas nos casos nos que se poida acreditar abuso na temporalidade. Queda fóra o persoal funcionario interino, que se rexe por outro réxime xurídico.

A fixeza non é automática

O Tribunal Supremo recoñece a condición de fixa a unha traballadora que encadeou contratos durante 14 anos, pero faino porque concorrían circunstancias moi concretas:

▪️ era persoal laboral
▪️ superara un proceso selectivo para prazas fixas, aínda que non obtivera praza
▪️ continuou traballando durante anos mediante contratos temporais
▪️ cubría unha necesidade estrutural da Administración

Por iso, a fixeza non se recoñece de maneira xeral: limítase a supostos nos que a persoa xa acreditara igualdade, mérito e capacidade nun proceso de acceso a persoal laboral fixo e, posteriormente, sufriu abuso na temporalidade. Non abonda con ter participado nunha bolsa ou nun proceso de contratación temporal.

Outra novidade: indemnización polo abuso

Nos casos nos que exista abuso de temporalidade pero non proceda declarar a fixeza, a sentenza abre a vía a reclamar unha indemnización específica polo abuso, mesmo aínda que a relación laboral continúe.

Esta compensación sería independente da indemnización por extinción do contrato e podería incluír danos materiais e morais.

Ademais, cando unha sentenza constate o abuso, a Inspección de Traballo poderá sancionar á Administración responsable.

Que supón esta sentenza?

O Tribunal Supremo intenta adaptar a súa doutrina ás esixencias do TXUE, que considera o persoal indefinido non fixo como persoal temporal e vén advertindo que as medidas existentes en España non eran suficientes para sancionar o abuso.

Seguiremos defendendo medidas reais, efectivas e disuasorias fronte ao abuso da temporalidade nas administracións públicas.