Tal e como vos informamos, o pasado 27 de abril abriuse o prazo de presentación de alegacións, no marco do trámite de audiencia e información pública, ao Proxecto de Real Decreto polo que se regula o procedemento para a acreditación do profesorado permanente laboral pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación. Este trámite rematou o luns, 18 de maio, e CCOO presentou alegacións coa intención de mellorar o texto proposto.
CCOO non dubida da necesidade da regulación normativa desta cuestión, que establece as condicións de acceso á figura de profesorado permanente laboral (PPL), que pola súa vez resulta determinante para os dereitos á carreira e a progresión profesional e a mobilidade do profesorado universitario.
Pero, dada precisamente a súa relevancia, o seu articulado debe ser o resultado do diálogo, a negociación e o acordo, principios que neste proxecto de real decreto non se cumpren. CCOO defende sempre que a opinión da comunidade universitaria terse en conta. A realidade é que tivemos coñecemento do texto legal no marco do proceso de audiencia e información pública. A negociación colectiva non é unha opción, é un dereito fundamental que fai parte da liberdade sindical.
CCOO centra as súas alegacións nunha serie de puntos que considera claves:
- Incumprimento do dereito á negociación colectiva. No seu proceso de elaboración e información non se tivo en conta en ningún momento as organizacións sindicais máis representativas no ámbito das universidades públicas, incumpríndose o dereito á negociación colectiva nos termos establecidos no artigo 37 punto 1 do EBEP.
- O ámbito de aplicación. No artigo 1.1 indícase que o obxecto da norma é regular o procedemento para a obtención da acreditación a PPL por ANECA para poder ser contratado como PDI por universidades do ámbito de competencia estatal ou, se for o caso, e sempre que sexa regulado pola correspondente comunidade autónoma (C. A.), por universidades de sistemas universitarios autonómicos sen axencia de calidade propia que exerza funcións de acreditación do profesorado.
Para CCOO, a norma debe asegurar que a acreditación a PPL, xa que a súa obtención supón o recoñecemento automático da acreditación a titular de universidade (incluso a catedrático de universidade nalgúns casos), debe:
- Resultar de aplicación e ter recoñecemento no ámbito estatal, con independencia das regulacións que poidan darse en cada C. A. e das súas posibles axencias de avaliación da calidade.
- Garantirlle a todo o profesorado, con independencia da universidade á que pretenda acceder ou na que xa preste servizos e de que na C. A. en que se localice a dita universidade conte ou non cunha axencia de avaliación da calidade.
O contrario suporía non garantir o marco estatal de acreditacións e o dereito á mobilidade e á carreira profesional do profesorado. Debe garantirse que a acreditación é válida en todo o ámbito estatal, con independencia da axencia de calidade que emita a acreditación.
- Resultar de aplicación e ter recoñecemento no ámbito estatal, con independencia das regulacións que poidan darse en cada C. A. e das súas posibles axencias de avaliación da calidade.
- Flexibilidade nos requisitos de acreditación. A valoración dos méritos deberá realizarse de forma contextualizada atendendo á especialidade disciplinar, á diversidade de traxectorias académicas e profesionais, evitando unha interpretación ríxida e homoxénea dos méritos esixibles.
- Sobre a indeterminación das actividades válidas para cumprir o requisito de participación en proxectos de investigación. O artigo 3.2 exclúe expresamente a mera participación en proxectos de investigación para xustificar a realización de actividades de docencia, investigación e, se é o caso, transferencia e intercambio do coñecemento por un período acumulado de nove meses en universidades ou centros de investigación distintos daquela institución en que se presentou a tese de doutoramento. Porén, non se pasa desa mera mención e non se define coa suficiente precisión que actividades se considerarán válidas para o cumprimento do requisito esixido. Sobre a base do anteriormente sinalado, CCOO reclama que a norma incorpore unha definición máis precisa das actividades admisibles ou, subsidiariamente, que se prevexa expresamente a obriga de ANECA de publicar, con carácter previo, estable e accesible, criterios detallados e exemplos orientativos sobre actividades válidas, documentación xustificativa e forma de comprobación do cumprimento deste requisito.
- Avaliación e resolución das solicitudes e réxime de reclamacións. En relación con esta cuestión, CCOO propuxo que o articulado recolla que:
- As comisións de acreditación teñan en conta, na valoración dos expedientes e na motivación das súas resolucións, a especificidade disciplinar da área, a diversidade lingüística, a relevancia territorial ou local de determinadas achegas e a valoración positiva do acceso aberto e da difusión social do coñecemento.
- Se facilite información periódica, polo menos cada seis meses, sobre o estado de tramitación do expediente, así como medidas de transparencia activa sobre tempos medios de resolución e causas de demora.
- O texto non precisa con suficiente claridade se a revisión en vía de reclamación pode alcanzar de forma plena a valoración substantiva do expediente cando existan dúbidas razoables sobre a aplicación de criterios, a motivación da resolución ou a adecuación da avaliación á área de coñecemento correspondente. Para corrixir esta situación, proponse que a Comisión de Reclamacións non só examine aspectos formais ou procedementais, senón tamén eventuais erros manifestos de valoración, insuficiencias de motivación ou falta de adecuación da avaliación á especificidade disciplinar do expediente.
- Desenvolver os elementos esenciais do procedemento revisor, identificando con maior claridade o alcance da revisión, os órganos intervenientes, a natureza dos informes emitidos e os posibles efectos da estimación ou desestimación da reclamación.
- As resolucións, especialmente as desfavorables, deberán estar suficientemente motivadas, con referencia clara aos criterios aplicados, á valoración dos méritos presentados e aos motivos concretos polos que non se alcanza a acreditación.
- A prohibición de iniciar un novo procedemento de acreditación mentres non transcorran doce meses desde a presentación da solicitude avaliada de forma desfavorable pode resultar excesivamente gravosa e desproporcionada en determinados supostos. Esta consecuencia pode ser especialmente ríxida cando a resolución negativa se basee en insuficiencias concretas e doadamente emendables, en defectos formais ou en circunstancias que mudasen substancialmente nun prazo inferior a un ano. Por iso propomos reducir o prazo a nove meses e que este non sexa de aplicación nos supostos en que a resolución desfavorable responda a defectos emendables ou admisión dunha nova solicitude anticipada cando existan méritos novos, obxectivos e relevantes que alteren substancialmente o expediente avaliado.
- Igualdade e non discriminación na avaliación. A norma non incorpora unha previsión expresa destinada a garantir que a avaliación dos méritos se realice con atención a situacións que puidesen ter afectado de maneira obxectiva o desenvolvemento ordinario da carreira académica, tales como maternidade, paternidade, coidados, enfermidade prolongada, discapacidade, violencia de xénero ou outras circunstancias persoais relevantes debidamente acreditadas. CCOO solicitou que se incorpore un artigo que recolla que a valoración dos méritos deberá realizarse consonte o principio de igualdade e non discriminación, tendo en conta, cando proceda, as interrupcións ou condicionantes acreditados da carreira académica, co fin de evitar nesgos estruturais e garantir unha avaliación equitativa.
Estamos ante unha regulación normativa que vai condicionar a realidade do profesorado das universidades públicas, polo que debemos ser quen de articular unha resposta adecuada e axustada ao modelo de universidade pública que defendemos.

