CCOO denuncia un grave recorte de dereitos nas listas de contratación da Xunta de Galicia

A modificación do Decreto de listas impulsada pola Xunta elimina garantías, precariza as condicións laborais e favorece a arbitrariedade da Administración.

Desde CCOO queremos trasladar ás persoas integrantes das listas de contratación temporal da a nosa profunda preocupación pola modificación do Decreto 37/2006 aprobada pola Administración galega.

Para CCOO, esta reforma supón un claro retroceso nos dereitos das persoas aspirantes e consolida un modelo pensado exclusivamente para facerlle máis cómoda a xestión á Administración, aínda que iso implique precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos consolidados durante anos.

Menos dereitos para quen máis tempo leva nas listas

Un dos aspectos máis graves desta modificación é a desaparición da lista de vacantes, unha decisión que supón dinamitar calquera posibilidade real de mellora de emprego para miles de persoas.

Ata agora, as persoas con máis puntuación —por experiencia, tempo traballado ou superación de exames— podían optar a contratos máis estables ou mellorar a súa situación laboral. Co novo sistema imposto pola Xunta, isto desaparece completamente.

A partir de agora, persoas recentemente incorporadas ás listas e con cero puntos poderán acceder antes a contratos de longa duración que persoas que levan anos sostendo os servizos públicos e acumulando méritos. Para CCOO isto é un auténtico desprezo ao esforzo, á experiencia e á profesionalidade das persoas aspirantes.

Opacidade e menos transparencia

CCOO denuncia tamén que a Xunta limita agora a información pública das listas, ocultando as persoas que están contratadas e a súa puntuación.

Esta decisión reduce gravemente a transparencia do sistema e dificulta que as persoas aspirantes poidan controlar o funcionamento das listas e detectar posibles irregularidades ou erros na xestión.

A Administración descarga os riscos sobre as persoas aspirantes

Outro dos cambios máis preocupantes é a imposición obrigatoria e exclusiva dos medios electrónicos para toda a xestión das listas.

A Xunta vende esta medida como unha modernización administrativa, pero a realidade é que traslada todos os riscos ás persoas aspirantes. As incidencias técnicas, problemas informáticos ou erros nas comunicacións xa demostraron en múltiples ocasións que rematan prexudicando sempre ás persoas traballadoras, mentres a Administración evita asumir responsabilidades.

Un modelo pensado para precarizar

Para CCOO, esta reforma evidencia cal é o verdadeiro obxectivo da Xunta: ter listas máis flexibles para a Administración, aínda que sexa a costa da estabilidade laboral, da conciliación, da promoción profesional e dunhas condicións dignas para as persoas que aspiran a traballar nos servizos públicos galegos.

A Xunta volve demostrar que entende o emprego público temporal como unha ferramenta de usar e tirar, sen importar os dereitos das persoas nin o impacto que estas decisións teñen sobre milleiros de familias galegas.

CCOO votou en contra desta modificación na Comisión de Persoal e non descarta emprender accións xudiciais e sindicais para frear este novo ataque aos dereitos das persoas integrantes das listas de contratación da Xunta de Galicia.