O Ministerio inicia a tramitación de proxectos de reais decretos claves para a estrutura das universidades públicas e a carreira profesional do profesorado

Aberto o prazo para presentar alegacións e achegas ao contido da normativa sometida a audiencia e información pública

Os trámites de audiencia e información pública teñen por obxecto obter a opinión dos cidadáns e cidadás titulares de dereitos e intereses lexítimos afectados por un proxecto normativo xa redactado, directamente ou a través das organizacións ou asociacións que os representen, así como obter cantas contribucións adicionais poidan realizar outras persoas ou entidades.

Neste marco, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades somete a audiencia e información pública os seguintes proxectos de reais decretos que afectan de forma directa ao profesorado das universidades públicas:

  1. Proxecto de Real decreto polo que se determinan as especialidades de coñecemento para os efectos do establecemento dos perfís dos concursos das prazas de profesorado universitario das universidades públicas e os ámbitos de coñecemento para os efectos da adscrición dos postos de traballo do profesorado universitario, e se modifica o Real decreto 898/1985, de 30 de abril, sobre réxime do profesorado universitario.
  2. Proxecto de Real decreto polo que se regula o procedemento para a acreditación do profesorado permanente laboral pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación.

Xunto con outros proxectos de reais decretos do ámbito universitario:

  1. Proxecto de Real decreto do Estatuto do Estudantado Universitario.
  2. Proxecto de Real decreto de recoñecemento e verificación académica e profesional das titulacións universitarias oficiais obtidas en sistemas universitarios estranxeiros.

Prazo de presentación de alegacións e achegas

Do 27 de abril ata o 18 de maio de 2026, ambos inclusive (15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no Portal de Transparencia).

Como presentar as alegacións

As propostas deberán remitirse á dirección de correo electrónico participacionpublica.sgu@ciencia.gob.es.

Debe terse en conta que as persoas xurídicas, consonte o artigo 14.2 da Lei 39/2015, están obrigadas a presentar as súas alegacións ou achegas de forma telemática.

O reto que se presenta

CCOO non pon en cuestión a necesidade da regulación normativa destas materias, absolutamente relevantes e que, en dous dos tres proxectos de real decreto, veñen a condicionar os requisitos de acceso e os dereitos á carreira e a progresión profesional e a mobilidade do profesorado universitario.

Pero, dada precisamente súa relevancia, o seu articulado debe ser o resultado do diálogo, a negociación e o acordo, principios que ata o de agora non se cumpren. CCOO defendemos sempre que a opinión da comunidade universitaria debe terse en conta, froito dun proceso de participación e achega de ideas que non sempre se produce:

  • En relación co proxecto de Real decreto de especialidades e ámbitos do coñecemento, mantívose unha última reunión o pasado mes de xaneiro entre o MICIU e as organizacións sindicais máis representativas no ámbito das universidades; ata onte non tivemos acceso ao documento final, malia que CCOO teno solicitado de maneira reiterada.
  • Canto ao proxecto de RD de acreditación do PPL, non tiñamos máis información que a que se nos transmitiu na reunión con ANECA o pasado 9 de abril. Accedemos ao texto da norma canda o resto da cidadanía.

Neste sentido, queremos lembrarlle ao ministerio que negociar non é, no mellor dos casos, reunirse un par de días para recoller pareceres, senón un proceso aberto e construtivo no que ambas as partes intercambian propostas e tentan alcanzar un acordo. A negociación colectiva non é unha opción, é un dereito fundamental que fai parte da liberdade sindical.

En todo caso, desde CCOO estamos xa a analizar os textos publicados e puxemos en marcha os nosos equipos e territorios para traballaren sobre o documento, co obxecto de informar sobre el os cadros de persoal e perfilar unha proposta de modificacións.

Neste sentido, animamos o conxunto da comunidade universitaria a participar no proceso de información e consulta pública que se abre, ao tempo que as persoas interesadas poden transmitirnos as achegas que coiden oportunas a través da nosa estrutura sindical. É importante que se coñeza o criterio real da comunidade universitaria en cuestións que poden condicionar de xeito moi relevante o acceso e a carreira profesional do profesorado das universidades públicas.

Estamos ante unhas regulacións normativas que van condicionar a realidade do profesorado das universidades públicas, polo que debemos ser capaces de articular unha resposta adecuada e axustada ao modelo de universidade pública que defendemos.