Previamente, CCOO solicitoulle ao Defensor do Pobo a presentación de recurso de inconstitucionalidade contra a LUPA.
CCOO, despois da valoración xurídica da norma, dirixiuse ao Defensor do Pobo para solicitar a presentación de recurso de inconstitucionalidade contra la Lei 1/2026, de 6 de marzo, universitaria para Andalucía (LUPA), publicada no Boletín Oficial de la Junta de Andalucía.
Esta norma, que vén a substituír o Decreto lexislativo 1/2013, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei andaluza de universidades, tramitouse pola vía de urxencia e aprobouna en solitario o PP, contando só cos informes do gabinete xurídico e do Consello Consultivo de Andalucía. O Goberno andaluz non solicitou na súa tramitación o ditame do Consello Económico e Social de Andalucía, o que evidencia a súa falta de vontade de contar coa comunidade universitaria e a súa renuncia a un consenso social real.
A LUPA é a primeira lei autonómica aprobada tras a entrada en vigor da Lei orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario español (LOSU), polo que a forma en que se reflicte no seu texto o novo marco normativo resulta reveladora de como as comunidades autónomas entenden o que debe ser o servizo público universitario. Neste contexto, e logo de valorar o novo texto legal, CCOO entende que a nova regulación pode incorrer en vulneración dos artigos 27 e 149 da Constitución española, xa que considera que se poderían estar lesionando os principios constitucionais da autonomía universitaria nas súas dimensións de capacidade das universidades de autogoberno e autorregulación, para establecer unha liña docente e investigadora propia e de autonomía económica e financeira. Ademais, consideramos que invade competencias reservadas ao Estado e desenvolvidas mediante unha lei orgánica (LOSU), como é a da creación de figuras docentes e investigadoras, ou a do profesor axudante, suprimida pola normativa estatal.
A realidade é que estamos ante unha norma que non contén un compromiso financeiro que garanta a sostibilidade do sistema universitario público, o que ameaza a viabilidade e estabilidade deste; ao tempo que incorpora mecanismos de intervención e inxerencia da Administración autonómica en ámbitos propios da gobernanza universitaria.
Ante esta realidade, o sindicato dirixiuse ao Defensor do Pobo para lle solicitar que promova RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE, única vía posible para a súa promoción desde unha organización sindical. O prazo para a presentación deste recurso, se así se considera, finalizaría o próximo 8 de xuño.
Despois da presentación deste escrito, e en liña co defendido por CCOO, tivemos coñecemento de que o Ministerio de Política Territorial e Política Democrática lle require á Comunidade de Andalucía a apertura do proceso recollido no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional. Isto supón ampliar o prazo de tres a nove meses para a presentación de recursos de inconstitucionalidade polo Goberno, se na Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración Xeral do Estado e a respectiva comunidade autónoma creada para o efecto non se alcanza un acordo sobre as discrepancias existentes en relación coa constitucionalidade da LUPA, acordo que, de se producir, podería supoñer a modificación do texto legal. O ministerio manifestou que a Lei 1/2026 presenta problemas de constitucionalidade desde tres perspectivas: dun lado, contradí en múltiples puntos a normativa básica estatal amparada no artigo 149.1.30.ª CE (é dicir, a LOSU); doutro, incorre de forma frecuente nunha inxerencia sobre a autonomía universitaria constitucionalmente garantida polo artigo 27.10 CE —configurada como dereito fundamental—, desnaturalizando así o espazo de liberdade académica e institucional que a Constitución garante con independencia do lexislador autonómico; e finalmente, invade a competencia exclusiva do Estado en materia laboral (art. 149.1.7.ª CE) ao regular figuras contractuais á marxe do catálogo especificado da LOSU.
A LUPA representa un modelo do que non debe ser unha lei autonómica universitaria, xa que consagra o intervencionismo na autonomía e a vida universitaria, cuestiona a viabilidade do modelo público universitario ao tempo que dá rango de lei ao modelo da universidade como oportunidade de negocio. Estamos ante unha norma que contén elementos regresivos que poden supoñer un cambio de modelo que podería afectar gravemente ao sistema público de educación superior en Andalucía, ao tempo que se vulnera o marco de dereitos definidos constitucionalmente. Non debe esquecerse que as leis autonómicas son unha manifestación lexítima do autogoberno territorial, pero só son válidas cando respectan o marco constitucional e a repartición competencial establecida pola Constitución española.
CCOO non só denuncia: actúa
Esta iniciativa demostra que CCOO non se limita a protestar: actúa en todas as frontes dispoñibles, tamén na xurídica e institucional. A defensa da universidade pública é un compromiso transversal da nosa acción sindical. Só con organización, presenza e presión colectiva poderemos frear un modelo que ameaza a autonomía universitaria, a estabilidade do cadro de persoal e o futuro da universidade pública.

