O martes, 4 de xuño, celebrouse a segunda reunión de negociación do Estatuto do PDI. A reunión presidiuna o novo secretario xeral de universidades (SXU), Francisco García. Na súa presentación, o SXU destacou que teñen vontade de chegar a acordos e que este Estatuto do PDI ten que plasmar avances que o profesorado perciba como claras melloras nas súas condicións de traballo. Xaora, a vontade de CCOO é a mesma e collémoslle a palabra.
Na reunión abordáronse os capítulos 1 e 2 do Estatuto, coas seguintes achegas pola parte sindical:
- Cómpre aclarar a supletoriedade das normas, uniformando as referencias ás distintas leis e disposicións, amais de respectar a súa redacción exacta no caso de recollela neste estatuto.
- Debe aparecer claramente a carreira horizontal do profesorado, cun desenvolvemento real. Especificamente, hai que aclarar o status da figura de «profesor permanente laboral» equivalente a catedrático de universidade.
- Insistimos nas referencias necesarias á negociación colectiva.
- É necesario ampliar a redacción actual de dereitos do profesorado no relativo á igualdade de xénero e á desconexión dixital, entre outros, así como incluír un punto específico con deberes das universidades para garantir a efectividade destes dereitos.
- Tamén se propuxo a necesidade de recoller o deber do profesorado de mencionar nos seus traballos a universidade en que desenvolve o seu labor principal. Ao respecto, o SXU mencionou que están traballando nun punto sobre a conduta ética do profesorado.
Ademais da discusión do Estatuto, o SXU referiuse a algúns temas que non figuraban na orde do día desta reunión:
- A compatibilidade para exercer como profesor substituto. O SXU asegurou que todos os actores concordan na necesidade de modificar a Lei de incompatibilidades para permitir que o persoal doutras administracións públicas poida exercer como tal, e farase no marco dunha próxima lei que se ha aprobar no Parlamento. Ademais, mostrou a súa disposición a modificar o criterio de que se recoñeza o labor investigador do profesorado substituto. Isto dotaría de seguridade xurídica a dita figura e viría a recoñecer o criterio das sentenzas gañadas por CCOO para o recoñecemento do labor investigador do profesorado laboral.
- O Plan Integra para a contratación de novos axudantes doutores. Segue sendo vontade do Ministerio financiar unhas 3400 prazas que comezarían o 1 de setembro de 2024, pero hai comunidades autónomas que continúan con reticencias e obstaculizan o necesario acordo da Conferencia Xeral de Política Universitaria.
- Criterios para a acreditación a profesor permanente laboral. ANECA xa remitiu ao Ministerio un documento con recomendacións de criterios que utilizará para este proceso de acreditación e axiña verá a luz. Ademais, pode servir de guía para o mesmo proceso noutras axencias de acreditación.
O Ministerio tomou nota das modificacións propostas sobre o Estatuto, mostrou estar de acordo coa maioría delas e concretaranse os cambios na próxima reunión.
CCOO Ensino (20/02/2024): Primeira reunión de negociación do Estatuto do PDI