O Tribunal Constitucional (TC) avala o non financiamento con recursos públicos dos centros que apliquen a educación segregada

Reivindicación histórica de CCOO

Segundo a nota informativa N.º 57/2024, o pleno do TC desestima o recurso de inconstitucionalidade promovido contra algúns preceptos da Lei 15/2022, do 12 de xullo, integral para a igualdade de trato e a non discriminación.

O Pleno do Tribunal Constitucional, nunha sentenza da que foi relatora a maxistrada María Luisa Segoviano Astaburuaga, desestima por maioría o recurso de inconstitucionalidade presentado por máis de cincuenta deputados e deputadas do Grupo Parlamentario Vox no Congreso contra determinados preceptos da Lei 15/2022, do 12 de xullo, integral para a igualdade de trato e a non discriminación.

Entre outros, sentencia que «en terceiro lugar, analízase a prohibición de que os centros educativos que apliquen a educación segregada por sexo reciban financiamento público. Igual que fixo a STC 34/2023, de 18 de abril, FJ 5, respecto dunha disposición análoga da LOMLOE, o Tribunal argumenta que, aínda que a educación diferenciada por sexos non está prohibida pola Constitución, isto non implica que deba necesariamente recibir axudas públicas, xa que o lexislador pode lexitimamente optar por apoiar un modelo educativo —a coeducación— que promove o valor constitucional da igualdade».

Desde CCOO celebramos que esta sentenza se aliñe claramente coas posicións da eliminación do concerto educativo para os centros que segregan nenas e nenos, que desde hai décadas defendemos. Ademais, seguiremos denunciando con todos os medios ao noso alcance os posibles incumprimentos desta sentenza.