Reactívase a negociación do Estatuto do PDI

CCOO reclama abordar de forma integral a realidade do persoal docente e investigador das universidades públicas

O venres, 16 de febreiro, celebrouse unha reunión no Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades co obxecto de retomar a negociación do Estatuto do PDI e dar cumprimento á disposición final décima da LOSU, que obriga o Goberno a presentar ao Congreso dos Deputados un proxecto de lei do estatuto do persoal docente e investigador universitario. A reunión presidiuna o secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Juan Cruz Cigudosa García, e contou con representantes dos sindicatos CCOO, UGT, CSIF, CIG e ELA.

O obxecto da reunión foi triplo:

  • Constituír unha mesa de negociación do ámbito universitario coas partes presentes na reunión.
  • Abordar o marco xeral de negociación do Estatuto do PDI.
  • Presentaren as organizacións sindicais aquelas cuestións que consideran prioritarias para tratar nesta mesa.

En relación co Estatuto do PDI:

  • Consensuouse un borrador de calendario de negociación que inclúe reunións mensuais, en principio ata o próximo mes de xuño. A primeira tería lugar a mediados do mes de marzo.
  • Definiuse o método de traballo que se vai seguir. Neste sentido, e como reclamamos desde CCOO na fase anterior, acometerase de forma íntegra o documento de traballo fronte ao traballo por materias que propuxo o Ministerio na fase anterior (que rematou hai máis dun ano, o 31 de xaneiro de 2023, como consecuencia da prioridade que se lle deu á LOSU por parte do Ministerio). Neste sentido, o Ministerio comprometeuse a lles remitir ás organizacións sindicais con tempo abondo un primeiro borrador de traballo para empezar a traballar sobre o seu contido na próxima reunión do mes de marzo.

    Ante a manifestación do Ministerio de que neste proceso deben considerarse as achegas e consideracións que poidan chegar desde outros actores, desde CCOO entendemos que este é un ámbito de negociación colectiva que afecta de forma directa ás condiciones de traballo do PDI, polo que calquera consideración externa á dita mesa afecta, se así o entende, á Administración.
  • Alcanzouse un compromiso para revisar e actualizar o regulamento de funcionamento da mesa.

Como prioridades, CCOO sinalou, entre outras, as seguintes:

  • Creación e recoñecemento da Mesa Sectorial de Universidades no ámbito da Mesa Xeral de Empregados Públicos, como fórmula legal necesaria para garantir a efectividade dos acordos que se alcancen no ámbito da negociación colectiva, que debe ir alén do Estatuto do PDI e abranguer outras materias e colectivos.
  • Modificación da normativa estatal de retribucións (Real decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario e demais normativa) co obxecto non só de actualizar cantidades e conceptos, senón de eliminar as discriminacións existentes entre o profesorado permanente e o temporal e as vinculadas ao tipo de dedicación (tempo completo e tempo parcial).
  • Necesidade dun Estatuto do Persoal Investigador que recolla plenamente os dereitos laborais e de actividade para este colectivo e garanta unha homologación das condicións reflectidas nas diferentes convocatorias, con independencia do ámbito (estatal, autonómico ou das propias universidades). Debe garantirse a plena integración do persoal investigador.
  • Plan de choque para o rexuvenecemento dos cadros de persoal universitarios. Nos vindeiros dez anos accederán á xubilación, dependendo dos colectivos e figuras de contratación, entre o 35 e o 55 % dos cadros de persoal.
  • Desenvolvemento normativo da LOSU en todo aquilo que afecta ás condicións de traballo dos cadros de persoal universitarios, sempre no marco da negociación colectiva.
  • Revisión do contido do proxecto do real decreto polo que se regula a organización dos departamentos universitarios pola vía da negociación colectiva, xa que o seu contido afecta ás condicións de traballo.
  • Pleno desenvolvemento da carreira profesional de todos os colectivos de PDI e PTXAS.
  • Revisión dos criterios de acreditación e avaliación formulados pola ANECA e necesidade de que sexan participados pola representación sindical.

Nesta mesma reunión tratáronse outras cuestións:

  1. A necesidade de abordar medidas para unha redución real da temporalidade e a precariedade do PDI, máis alá do Programa Integra (que recolle crear un máximo de 4200 prazas de profesorado axudante doutor), e que se estende a todas as figuras (asociados, visitantes, predoutorais, etc.).
  2. Equiparación das condicións laborais e salariais entre o PDI funcionario e laboral no marco definido pola LOSU.
  3. Clarificación do tratamento da cuestión das cotas patronais das figuras investigadoras. A cuestión formulouse en relación coa actual situación das figuras de contratación Margarita Salas e María Zambrano, pero sería extensible a outras figuras. A proposta de CCOO de que esta cuestión quede claramente regulada en futuras convocatorias de calquera figura investigadora foi asumida polo Ministerio.
  4. Necesidade de evitar que a figura do profesorado substituto se converta na nova figura precaria de contratación nas universidades. Ante a comunicación pola representación do Ministerio de que están estudando algún tipo de modificación na regulación desta figura canto a funcións e réxime de compatibilidades (para que teña unha regulación similar á do profesorado asociado), CCOO propuxo que estas cuestións sexan tratadas nesta mesa antes da súa aprobación, o que foi asumido polo Ministerio.

Considerando positiva a reactivación da negociación do Estatuto do PDI, CCOO coida que estamos ante unha regulación necesaria pero que de ningún modo esgota o marco da necesaria negociación colectiva nun marco estable regulado e recoñecido por todas as partes. E todo isto co obxectivo demellorar as condicións de traballo de todo o persoal das universidades.