Rueda presume de «ensino de calidade» mentres ignora as condicións laborais do persoal da concertada

Desde CCOO Ensino consideramos unha auténtica provocación que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, escollera un centro concertado para inaugurar o curso escolar e presumira de “ensino de calidade”, mentres ignora deliberadamente a situación que viven as traballadoras e traballadores destes centros.

Parécenos especialmente alarmante que Rueda falara de calidade educativa nun centro concertado onde non se lle aplica ao persoal docente a redución da carga horaria, unha medida fundamental para mellorar as condicións de traballo e, con ela, a propia calidade educativa, a atención ao alumnado e o tempo dispoñible para a coordinación e preparación docente.

Non podemos aceptar que se fale de calidade educativa mentres se fai de menos as e aos profesionais que sosteñen acotío o sistema educativo. Somos arredor de sete mil traballadoras e traballadores do ensino concertado, responsables de atender aproximadamente o 30 % do alumnado galego das etapas non universitarias.

Levamos anos reclamando que se melloren as nosas condicións laborais. Seguimos sen avances na negociación, sen resposta efectiva da Consellería e con cuestións pendentes desde hai máis de 17 anos, como o incumprimento do acordo asinado e publicado no DOG no ano 2008.

A folga do pasado 9 de setembro demostrou que o malestar do persoal do ensino concertado é real e que existe unha firme vontade de mobilización. Desde CCOO Ensino consideramos positivo o resultado da xornada e agradecémoslles a todas as traballadoras e traballadores que participaron nela que deran un paso adiante para defender os seus dereitos.

Rueda non só ignora as e os profesionais da concertada: ignora tamén o alumnado destes centros financiados con fondos públicos e as súas familias. A Xunta debe entender que non pode seguir obviando as nosas reivindicacións nin adiando unha negociación que leva anos pendente.

Desde CCOO Ensino lanzamos unha mensaxe clara ao presidente Rueda e ao seu conselleiro de Educación: se non hai respostas, seguiremos mobilizándonos e intensificando as medidas que sexan necesarias.

A calidade educativa non se vende nunha foto: constrúese cada día co traballo das e dos profesionais que sosteñen as aulas.