Unha sentenza dá a razón a CCOO, anulando a normativa de quinquenios da UDC, e a universidade recorre

O sindicato recorreu a normativa e as convocatorias por excluír na normativa de quinquenios o profesorado a tempo parcial e o persoal investigador

No outono de 2024, a entón vicerreitora de profesorado informou á Mesa Sindical dun borrador de normativa de méritos docentes que foi levado ao Consello de Goberno sen negociación previa. CCOO manifestamos daquela a nosa desconformidade coa normativa porque exclúe o persoal investigador e o profesorado a tempo parcial. Advertimos que a recorreriamos e así o fixemos: presentamos un recurso contencioso-administrativo contra a normativa de quinquenios e contra a convocatoria de 2024 e, no curso seguinte, recorremos a convocatoria de 2025.

A sentenza de xuño de 2026, favorable a CCOO, declara a nulidade da normativa de méritos docentes de 2024 e as convocatorias posteriores.

Con todo, a sentenza non implica a anulación dos quinquenios xa concedidos, senón que obriga a elaborar unha nova normativa na que se permita a avaliación e, de ser esta favorable, a percepción do complemento para o persoal investigador e para certas categorías de profesorado a tempo parcial:

[…] reponiendo las actuaciones al momento de la convocatoria para permitir a las personas interesadas e indebidamente excluidas que reúnan los requisitos jurídicamente exigibles, su participación en el proceso de evaluación de méritos docentes y la obtención de las correspondientes retribuciones

A UDC, contrariamente ao que ven facendo en sentenzas desfavorables anteriores, recorreu esta sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O TSXG xa fallou en 2022 a favor de CCOO e en contra da USC, permitindo que o seu persoal investigador posdoutoral e varias categorías de profesorado, previamente excluídas, avalíen e perciban os quinquenios.

Informamos de que, ademais, CCOO recorreu as convocatorias de sexenios dos anos 2025 e 2026 da UDC, tamén, por excluír o persoal investigador e o persoal con contrato temporal e/ou a tempo parcial. Estamos agardando sentenza.

A todo isto súmase que na UDC nin sequera existe unha mesa constituída conforme ao EBEP para negociar estas materias. E ante a ausencia de vías formais de negociación, CCOO vémonos obrigadas a litigar para defender os dereitos dos nosos representados.

Os teus dereitos, a túa voz, o teu sindicato. CCOO