Reunión do grupo de traballo LOSU

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades creou un grupo de traballo presidido polo secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades e con representación de comunidades autónomas, CRUE e organizacións sindicais representativas.

A primeira reunión, celebrada o 2 de febreiro, consistiu nunha toma de contacto e establecemento da dinámica do grupo; nela destacouse a responsabilidade como regra básica de traballo.

O primeiro obxectivo do Ministerio para este grupo de traballo é conseguir consensuar unha proposta para, a medio prazo, lograr cadros de persoal máis grandes para que o profesorado teña tempo de realizar outras tarefas que non son as docentes (investigación).

Establécese como horizonte un aumento de 4200 prazas novas de profesorado axudante doutor en catro anos. Este ano quérense crear 2100 prazas, das que o Ministerio se compromete a financiar dous terzos e as comunidades autónomas deberían financiar o outro terzo, utilizando cinco criterios:

  1. Financiamento de prazas adicionais (axudantes doutores).
  2. Cofinanciamento, entre Ministerio e CCAA.
  3. Novas prazas extra, a maiores das que se están convocando.
  4. Criterios de distribución.
  5. Flexibilidade.

Para isto cómpre modificar/flexibilizar as disposicións transitorias 7.ª e 12.ª da LOSU.

CCOO celebra que a nova lei poña encol da mesa un dos máis graves problemas da universidade española: a precariedade do seu profesorado. Porén, a solución proposta non abonda e volve dilatar os tempos. Queremos recordar, ademais, que a problemática dos chamados «falsos asociados» non é o único elemento de precariedade na universidade: persoal insuficiente doutras figuras de PDI e de PTXAS, desenvolvemento das súas carreiras profesionais, falta de financiamento da investigación ou falta de investimento en infraestruturas serían outros dos problemas que as universidades deben afrontar sen falta.

Desde logo, consideramos que as comunidades autónomas non poden mirar para outro lado. Chama a atención que os gobernos rexionais poñan agora os ollos no Ministerio e anuncien a boca chea que aumentaron os seus orzamentos para as universidades, cando algúns destes problemas veñen da década pasada (ou antes) e estanse convertendo en estruturais.

Cómpre un cambio nas políticas e na xestión universitarias que garantan unhas condicións de traballo estables e dignas para os seus traballadores e traballadoras. Non podemos seguir cun sistema fundamentado na precariedade das figuras máis febles dos cadros de persoal. Un exemplo disto son os recortes nas súas retribucións ou o elevado número de profesorado asociado sobre o que se sustentan os títulos. Pero de nada servirá cambiar estes asociados, como están sopesando a maioría das universidades, pola nova figura do «profesorado substituto», mal pagado e sen apenas requisitos para impartir docencia na universidade. O problema agravarase, pasando da precariedade do profesorado á dubidosa calidade da formación impartida e a destrución do servizo público universitario.

Por todo iso, CCOO fai un chamamento á responsabilidade de todos os actores con capacidade de decisión para afrontar de vez a nefasta situación. Os traballadores e traballadoras non poden esperar máis, necesitan ver accións reais de cambio de rumbo.