CCOO esixe correccións na convocatoria de sexenios

Os problemas da actual convocatoria empuxan a CCOO a esixir a ANECA unha ampliación do prazo previsto. Houbo queixas por problemas coa aplicación web á hora de realizar a solicitude.

Hai poucos días, desde CCOO expresabamos as nosas dúbidas sobre a oportunidade do cambio de criterios para a avaliación de sexenios e demandabamos que se fixesen valer os criterios da convocatoria pasada, amais de poder ter en conta os da presente, se estes fosen máis favorables para os e as solicitantes. Ademais, reclamabamos un cambio no modelo de avaliación, de xeit que se convertese nunha guía para a investigación, con criterios definidos a seis anos vista, e non nunha proba sancionadora.

Pois ben, o persoal investigador segue a trasladarnos as súas dificultades, moitas delas centradas en multitude de problemas coa aplicación web á hora de realizar a solicitude.

Só desde os labores de mantemento efectuados nesa aplicación o 30 de xaneiro, anunciados o día anterior por ANECA, parece que se solucionaron algúns como o gardado do borrador ou o aumento de tamaño de arquivos que se poden subir.

Por tanto, desde CCOO esiximos a ANECA que traslade ás distintas comisións a necesidade de tomar en consideración os criterios da convocatoria anterior, se estes fosen máis favorables para o persoal avaliado, así como unha ampliación de dez días no prazo para a solicitude de avaliación da actividade investigadora.