O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI asinado por CCOO recolle, para 2023, unha suba salarial fixa do 2,5 % máis dúas subas complementarias do 0,5 %, cada unha, con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2023.
A primeira, ligada á inflación, operaba se o índice de prezos ao consumo harmonizado (IPCA) de 2022 e 2023 superaba o 6 %. Confirmouse e fíxose efectiva para o persoal docente en pagamento delegado en case todas as comunidades autónomas. A segunda, ligada ao crecemento económico, acaba de confirmarse ao se coñecer o dato do produto interior bruto (PIB), que avanzou alén do 2,1 % estipulado no Acordo.
CCOO seguirá traballando na defensa dos intereses das persoas traballadoras do ensino concertado e garantindo a aplicación no sector de todas aquelas medidas retributivas que se acorden no marco da función pública. Neste sentido, imos esixirlles ás patronais do sector que ese 1 % adicional, que de xeito automático acaba trasladándose ao persoal en pagamento delegado, sexa extensible ao resto de persoas traballadoras a través da revisión das táboas salariais asinadas para 2023.
É a presenza de CCOO na Mesa do Diálogo Social e na Mesa Xeral da Función Pública o que permite que as persoas traballadoras do ensino concertado poidan beneficiarse dos acordos sociais e retributivos asinados neses ámbitos.