CCOO e UGT materializan co Goberno a suba salarial do 0,5 % do PIB en cumprimento do Acordo Marco para unha Administración do século XXI

A área Pública de CCOO e UGT Servicios Públicos reuníronse na mañá de hoxe (01/02/2024) coa Secretaria de Estado de Función Pública para facer efectiva a suba retributiva complementaria do 0,5 % vinculada ao PIB do 2023 e instan ao goberno a articular o mecanismo necesario para levar a cabo o incremento do 2 % pactado para o 2024 sen ter que esperar á lei de PXE 2024.

A Comisión de Seguimento do Acordo para unha Administración do século XXI, asinado por CCOO e UGT, reuniuse esta mañá a instancia de ambos sindicatos, para tratar como e cando se materializarán nas nóminas das empregadas e empregados públicos estas subas salariais.

O Acordo comprometeu unha suba nas nóminas dos máis de 5 millóns de empregados e empregadas públicas do 0,5 % se o PIB superaba o 2,1% con carácter retroactivo e consolidable ao 1 de xaneiro de 2023 e do 2 % correspondente a 2024.

Isto supón que as empregadas e empregados públicos viron incrementadas as súas retribucións máis dun 7% co efecto acumulado das subas de 2022 e 2023, cumprindo o obxectivo da previsión do 9,8% pactado para 2024.

Ambas organizacións sindicais instaron ademais a que o Goberno arbitre as fórmulas lexislativas adecuadas para facer efectiva a suba de 2024 sen ter que esperar á lei de Presupostos Xerais do Estado.

CCOO e UGT, asinantes do Acordo, insistiron na convocatoria dunha nova Comisión de Seguimento para tratar o resto dos temas incluídos no pacto, como creación de emprego, dereitos, xornada, xubilación e clasificación profesional, entre outros.