Estas últimas dúas semanas, CCOO e os outros sindicatos asinantes do acordo para reducir a temporalidade en xullo de 2021, reunímonos con Función Pública na Comisión de seguimento.
Unha vez rematado o tempo previsto para o plan de choque, conseguíronse estabilizar máis de 300.000 persoas en todas as administracións públicas españolas, cando aínda faltan por resolver 200.000 prazas.
Cumpríronse os obxectivos iniciais do acordo, pero non se conseguiu baixar a temporalidade ao 8%, debido a que moitas administracións non utilizaron todas as ferramentas lexislativas dispoñibles.
Ante a proposta de Función Pública de traballar de novo neste ámbito, CCOO considera que hai que impedir as malas praxes nas administracións, coa asunción de responsabilidades por parte de quen exerce a xestión de persoal e quen ten responsabilidade política.
Ese será o noso camiño, pero deixando moi claro ao Goberno que antes debe cumprir co acordo marco para unha Administración do século XXI e negociar un novo acordo retributivo, empezando polo pagamento inmediato do 0,5% retroactivo correspondente a 2024 e por unha subida salarial para 2025.
CCOO responsabilizouse en todos os acordos. É hora de que o Goberno sexa igual de responsable e se comprometa cos traballadores e as traballadoras do conxunto de administracións públicas.