Como sabedes a xerencia comunicou recentemente a súa decisión de convocar o concurso de traslados de PAS funcionario. Anunciando, unha vez que non se chegou a ningún acordo de reciprocidade coas outras universidades do SUG, a súa intención de que a convocatoria se publique antes de xuño; para o que urxiu aos sindicatos e á xunta de PAS a que nun prazo perentorio achegasen propostas para a unha posible modificación do baremo de méritos.
Está claro que os concursos deberían convocarse coa frecuencia que mandan as leis da función pública. En CC.OO consideramos incluso que deberíamos ir cara ao concurso permanente, como se fai no ámbito do PAS laboral da USC. Para nós o concurso representa unha oportunidade de acceso a un posto en condicións máis axeitadas e tamén de mellora profesional e económica a través do ascenso nos niveis que conforman a carreira horizontal do PAS funcionario.
Dende o primeiro momento, CC.OO xunto cos outros sindicatos, estivemos traballando no grupo de traballo creado na xunta de persoal para consensuar e acordar as propostas de modificación do baremo. Realizamos un importante traballo neste grupo á busca dunha proposta consensuada, achegando propostas estudando e debatendo a forma de mellorar as condicións nas que o persoal funcionario da USC poderá participar no concurso xeral e específico. Un traballo e un esforzo que, ao igual que en outros temas, é coherente co noso apoio dende un principio á presidencia de CIG na Xunta de Persoal, como sindicato máis votado. Así como coa nosa oferta de colaboración para facernos cargo da secretaría se así o consideraban.
Para abordar ese traballo de consenso sobre o baremo, todos coincidíamos en que se daban uns condicionantes principais:
- Posibilidade de participación no concurso de persoal funcionario de outras administracións: principalmente da Universidade de Coruña.
- Imposibilidade de participar no concurso, dunhas 140 persoas da USC que accederon hai menos de 2 anos á condición de funcionario/a de carreira na USC.
- Existencia de persoas en destino provisional despois de aprobar, e que aínda non tiveron o 1º destino definitivo.
- Dúas modalidades: ordinario e específico (para postos a partir de nivel 22)
Con eses condicionantes, o martes 8 de abril reuniuse a Xunta de Persoal para tratar a proposta de baremo a aplicar no próximo concurso de méritos como punto central.
Nesta xuntanza da xunta de PAS, CC.OO manifestamos que a proposta consensuada por todos os sindicatos, para nós está condicionada a que previamente a Xerencia explore, como lle solicitamos na xuntanza anterior a vía do artigo 38.5 da Lei do Emprego Público de Galicia, para limitar na RPT a un máximo do 7% as prazas que sexan susceptibles de ofertarse en concurso a outras administracións, tal e como se comprometeu e polo que estamos agardando; xa que no caso de ser viable esta vía, creemos que a modificación do baremo podería ser outra e non a presentada.
Por outra banda, ademais de solicitar a aplicación do previsto no artigo 38.5, da Lei de Emprego Público de Galicia, a posición de CC.OO é a de solicitar o aprazamento da convocatoria do concurso ordinario ata o mes de novembro, para dar así a posibilidade de participar a un número significativamente máis amplo de persoal da USC, por cumprirse para entón o requisito dos dous anos dende o nomeamento como funcionarios de carreira.
En CC.OO tamén somos partidarios dunha modificación da RPT, previa ao concurso (como se fai nas outras universidades) para que, en coherencia cos demais postos dese mesmo nivel da RPT, os postos de Responsable de Asuntos Económicos (RAE) de nivel 22 estean abertos tamén ao subgrupo A2; e non só aos subgrupos C1 e C2 como figuran na actualidade.