Toda a información da comisión de persoal do 16 de abril de 2025

O 16 de abril de 2025 tivo lugar a xuntanza da Comisión de Persoal Ordinaria na que se someteron a votación os seguintes puntos da orde do día:

Proposta de resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas da Administración Especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.

Proposta de resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas da Administración Especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (de arqueólogos; técnica de restauración; técnica de delineantes; facultativos de arquivos, bibliotecas e museos; axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; técnica de arquivos, bibliotecas e museos; auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos).

Nos dous casos, o voto de CCOO foi A FAVOR porque:

  • As convocatorias son similares as anteriores convocadas, tanto da administración xeral como da especial.
  • Urxe resolver os concursos canto antes para poder rematar todos os procesos pendentes con tomas de posesión de destinos definitivos.
  • Estes corpos e escalas levaban demasiado tempo sen concurso, polo que non podían gozar do dereito a mobilidade e a promoción profesional recoñecido pola lexislación vixente.

Rolda aberta de intervencións

Comentamos na Comisión de Persoal de hoxe as novas “instrucións” verbais que se están dando nalgunhas consellerías sobre o teletraballo: a partires do vindeiro luns 21 de abril establécese en cada servizo un día fixo para tele traballar, que non pode ser nin os luns nin os venres. Isto supón que, como cada día debe garantirse un 40% de presencialidade en cada servizo, estase a reducir de facto os días de teletraballo. Isto supón unha modificación do acordo e vai en contra das resolucións persoais de concesións do teletraballo de cada traballador. A DXEPAP dixo que vai “investigar” o tema. Desde CCOO o que esiximos é que se volva pór enriba da mesa de negociación o acordo de teletraballo (asinado unicamente pola CIG), xa que estase a demostrar que tiña e ten eivas importantes que impiden a súa aplicación efectiva e xeral.

Tamén vai falar coa Consellería de Emprego para que inicie negociacións coas OOSS para a modificación da RPT pola problemática das Oficinas de Emprego. Agardamos que se nos achegue oficialmente o plan de reestruturación das oficinas e a relación de postos coa subida de niveis comprometida.