Recoñecida a carreira profesional horizontal do persoal investigador e de apoio da USC

O desenvolvemento da carreira horizontal, tamén para o persoal investigador e de apoio á investigación, xunto coa estabilización como persoal fixo dos contratos máis antigos e o desenvolvemento da contratación indefinida foron, dende as últimas eleccións sindicais, algúns dos principais obxectivos da sección sindical de CCOO na USC. Hoxe podemos anunciar que o próximo mércores 17 procederase á sinatura oficial do acordo da Mesa Xeral de Negociación da USC que permitirá o recoñecemento da carreira profesional horizontal e a implantación progresiva dos complementos salariais correspondentes a cada grupo profesional deste colectivo de arredor de setecentas persoas, ata non hai moito ignorado e menosprezado.

Para chegar a este acordo, negociado por CCOO e a xerencia da USC e que entrará en vigor unha vez que se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG), houbo que recorrer un longo proceso: onde os delegados e delegadas de CCOO que forman parte do persoal investigador realizaron un gran esforzo, case sempre en solitario, na achega e discusión coa xerencia da USC de propostas e alternativas que o fixeran viable. Pola nosa parte cremos que a participación, o traballo e as propostas son elementos imprescindibles que as distintas opcións sindicais estamos obrigados a poñer sobre a mesa en calquera negociación.

Resumimos a continuación as cuestións máis relevantes a ter en conta:

  • O acordo dará lugar ao recoñecemento de ata 4 graos progresivos na traxectoria profesional de cada persoa que forma parte do cadro de persoal contratado con cargo a programas e proxectos de Investigación (o que xeralmente se coñece como persoal de capítulo VI). O sistema de recoñecemento da carreira é moi similar ao acordado para o persoal de administración autonómica e tamén ao acordado en decembro pasado para o PAS de capítulo I da USC.
  • Así, para acceder ao grao I farán falta 6 anos de antigüidade na USC, para o acceso ao grao II, 12 anos, para o III, 18 anos e para o IV, 24 anos.
  • Tamén, ademais dos anos de experiencia, hai que reunir unha puntuación mínima de méritos avaliables para cada grao. Esta puntuación mínima poderá acadarse, tal e como se recolle no acordo, a través do cómputo dunha ampla variedade de méritos ao longo da traxectoria profesional de cada persoa: participación en proxectos, formación, publicacións, titulación, xestión e coordinación, actividades de colaboración, etc. 
  • A tramitación do recoñecemento dos graos iniciarase unha vez que nas próximas semanas a USC publique a convocatoria na que as persoas solicitantes poderán alegar os seus méritos para o encadramento.
  • O acordo tamén establece as mesmas contías para cada grupo profesional que as aplicadas na administración da Xunta e para o PTXAS da USC. Os importes retributivos de referencia, para cada un dos graos e segundo o grupo profesional, indícanse a continuación: 
  • As persoas con vinte e catro anos ou máis de antigüidade ás que se lles recoñezan os catro graos multiplicarán por catro esa contía de referencia. Se teñen dezaoito anos de antigüidade, multiplicarán por tres; e se teñen doce anos de antigüidade, por dous.   
  • Destas cantidades de referencia, para este ano 2025, con efectos económicos xa desde o día 1 de xaneiro, establécese o pago do 10 % da cantidade total que lle corresponda a cada persoa.  
  • Para as sucesivas anualidades, a porcentaxe de pagamento establecerase no marco da Comisión de Seguimento do acordo, ata acadar o 100 %. O acordo ten polo tanto unha importante repercusión económica nos salarios de cara aos próximos anos. 

Texto completo do acordo