Propostas sen resposta: posibles accións para desbloquear o Convenio de atención á discapacidade

XVI Convenio colectivo de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade: reunión do 7 de febreiro

Desde o inicio das negociacións do XVI Convenio Colectivo e ao longo das trinta reunións xa realizadas, CCOO presentou  diversas propostas para mellorar distintos aspectos do articulado. Entre as reivindicacións, incluímos asuntos como salarios, permisos, excedencias, xornada laboral, vacacións e incapacidade temporal. Ata agora non conseguimos alcanzar avances significativos.

Na última reunión, celebrada o 7 de febreiro, a situación non experimentou grandes cambios. Xunto con UGT, propuxemos modificar o artigo 29.2 para ampliar a súa aplicación á maior parte dos Centros Especiais de Emprego (CEE). A pesar de que CONACEE, unha das patronais, mostrou o seu acordo coa nosa proposta, o resto das organizacións patronais optou por pospoñer, unha vez máis, esta decisión.

Unha situación similar produciuse cando se tratou o artigo 32, outro dos temas previstos para a reunión e de interese para as propias patronais (foron elas as que solicitaron a súa inclusión na orde do día). Non obstante, presentáronse sen ningunha proposta concreta, algo que xa aconteceu en ocasións anteriores.

Ante a aparente falta de interese por parte das organizacións patronais en avanzar nas negociacións — que nos leva a unha sensación de perda de tempo e esforzo non recompensado—, decidimos consultar coa nosa afiliación e coa representación legal das persoas traballadoras (RLPT) de CCOO sobre as posibles accións para tomar nas próximas semanas. O obxectivo é forzar un cambio de rumbo imprescindible nas negociacións.