O SIMA é o Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe.
Na última mesa negociadora celebrada a mediados de xaneiro, ante a imposibilidade de chegar a acordos, todas as organizacións sindicais e patronais pactamos buscar un formato diferente de reunión, co obxectivo de facilitar un achegamento nas formulacións expostas ata o momento por ambas as bancadas.
Por este motivo, creouse unha Comisión de Traballo na que se puidesen abordar, de xeito argumentado e contrastado, aspectos relacionados coa xornada de traballo e a incapacidade temporal.
Pero as diferenzas na devandita Comisión volveron xurdir en canto expuxemos as nosas reivindicacións acerca da xornada. Por iso, na reunión do 1 de febreiro acordouse unanimemente acudir ao Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) para que mediase no conflito.
Nestes momentos estamos á espera de que o SIMA nos convoque á reunión de mediación, na que CCOO volverá expoñer a necesidade de dignificar as condicións laborais das traballadoras do sector.