Persoal de Política Social en Loita. Discapacidade, Menores e Infantil 0-3

A CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT-SP Ensino, USO, CUT e SNEP anunciamos o inicio de mobilizacións nas rúas e nos centros de traballo, cunha “campaña de concienciación social” da precariedade laboral que sofren as persoas traballadoras destes tres sectores tan esenciais.

Convenios dignos e xustos

Estas organizacións, decidimos en unidade de acción sindical, dar continuidade e intensificar as mobilizacións comezadas a finais do pasado ano. Isto responde á actitude de desprezo por parte da Consellaría de Política Social e á calada por resposta ante as nosas solicitudes de reunión, xunto coa pasividade dalgunhas Patronais e Asociacións, co fin de que se atendan as súas reivindicacións xustas e lexítimas.

Deste xeito, anunciamos unha “campaña de concienciación social” sobre a precariedade laboral que sofren as persoas traballadoras destes sectores. Do mesmo xeito, denunciamos o abandono por parte da Administración, que é a responsable destes servizos públicos que ofrecen e que se definen como “esenciais”, pero que non se atenden, laboral e salarialmente, como tales.

Mobilizámonos nas rúas e nos centros de traballo, coa finalidade de amosar a fartura, a preocupación e o tremendo enfado de todo este persoal e para forzar a negociación das súas reivindicacións ante a Administración galega e as patronais/asociacións dos tres sectores.

Accións “Política Social en Loita”

  • “Cerco á Consellería de Política Social” Ante a falta de resposta da Consellería de Política Social ás numerosas solicitudes de reunión coas organizacións sindicais, tanto de forma individual, como colectiva, o martes 3 de febreiro, ás 11 h. “cercaremos” o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano cunha caravana de coches reivindicativa. Convocamos á mesma tanto a persoas delegadas sindicais, como a calquera outro persoal e á cidadanía que poida asistir e queira apoiar este acto de protesta.
  • “Petiscos de realidade nos tres sectores de Política Social” Iniciamos unha campaña de concienciación social por medio de recursos audiovisuais na que daremos a coñecer a realidad das persoas traballadoras destes tres sectores de Política Social e as dificultades, carencias e perigos que acontecen no día a día.
    Queremos facer pública a situación nos centros de traballo (ratios, falta de persoal, cobertura de vacacións e baixas, falta de recursos materiais e de mantemento ou modernización de instalacións, perigosidade, toxicidade, etc.) e das condicións laborais e salariais do persoal (conxelación salarial, absorción de complementos pola suba do SMI, contratos temporais, parciais e fixos discontinuos, licenzas e permisos, conciliación laboral e familiar, etc.).
  • “Mércores de loita nos centros de traballo” Comezando no mes de febreiro, todos os mércores (días 4, 11, 18 e 25), instamos ao persoal traballador a realizar durante o día, nos momentos que poidan, concentracións reivindicativas tanto dentro coma fóra do centro. O obxectivo é recabar fotografías e/ou pequenos vídeos para darlles difusión de forma conxunta a través das distintas organizacións sindicais.
    Tamén poñeremos á disposición deseños de cartaces e faixas para facilitar o desenvolvemento destes actos de protestas naqueles centros de traballo nos que non sexa posible a creación de materiais reivindicativos propios.

As reivindicacións de cada sector

Discapacidade

  • Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
  • Constitución dunha Mesa tripartita (Administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun complemento salarial autonómico.
  • Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.

Menores

  • Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
  • O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
  • A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.

Infantil 0-3

  • Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
  • Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de xestión indirecta.
  • Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
  • A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.

As organizacións sindicais acordamos que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o marco galego de relacións laborais nestes sectores a través do Consello galego de relacións laborais (CGRL), no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.

No inmediato, apostamos por reforzar no Consello galego de relacións laborais a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos nos tres sectores.